Tuesday 14 de January de 2025

As comisións de festas de San Sadurniño estrean con forza o 2025


Os grupos de ramistas de Ferreira, Igrexafeita e Naraío organizan varias actividades para as próximas semanas

As comisións de festas que se autonomean dun ano para outro empezan a traballar practicamente desde o día en que son anunciadas, polo xeral na última xornada da patroa ou patrón do ano inmediatamente anterior… e ás veces con dous ou tres anos de adianto. E como exemplo temos o arranque deste 2025, que nos trouxo polo menos tres anuncios de actividades organizadas por outras tantas comisións de festas. O que temos aí, á volta dunhas semanas -incluso poucos días- son o San Vicente en Ferreira de Abaixo, unha ruta turística en coche organizada pola comisión de Igrexafeita e, xa algo máis adiante, o xantar popular promovido pola comisión de Naraío.

A primeira cita no calendario vai ser o próximo 25 de xaneiro en Ferreira de Abaixo para honrar o San Vicente, o santo fuxidío que escapaba todas as noites da igrexa de San Paio para ir durmir á súa cama no pico… ata que as veciñas e veciños o encadearon no templo para sempre.

O San Vicente é xunto co propio San Paio e o San Cristovo, ambos no verán, unha das tres festas principais de Ferreira que agora se está tentando recuperar pouco a pouco despois dun intervalo de varios anos sen se celebrar.

Segundo o programa que hai en circulación, o sábado 25 teremos misa solemne ás 13:00h seguida dunha sesión vermú animada polo Dúo Eclipse. A partir das 21:30h este dúo volverá subir ao escenario para animar tamén a verbena, complementado na segunda metade da noite polo picadiscos local DJ Sebas RGUEZ.

Durante a velada haberá varios sorteos e serviranse, ao prezo de 10€ a ración, liscos, bolas na sartén, chourizos e pan.

I Ruta Turística Igrexafeita
A cadrada quixo que a comisión de festas de Igrexafeita tamén puxese para o sábado 25 de xaneiro a I Ruta Turística Igrexafeita. Trátase dunha proba automobilística na que se deberá completar un percorrido pola comarca procurando axustarse o máis posible aos tempos de paso por cada punto de control. Neste tipo de rutas adoitan participar coches de rúa ou clásicos que fan medias máis ben baixas e, de feito, o importante non é a velocidade, senón a regularidade e unha boa orientación ao circular por estradas e pistas para cumprir co plan horario e rematar sen penalizacións.

A ruta -a primeira que se desenvolve con saída e chegada na parroquia- arrancará ás 16:00h da parrillada María Queira (os dorsais entregaranse unha hora antes) e as inscricións poden formalizarse neste establecemento, no Bar Xambas (Moeche) e no 7 Camiños (As Pontes).

O prezo son 60€ por coche, incluída a cea para 2 persoas. Pode ampliarse información nos teléfonos 686 899 634 e 679 925 075. A entrega de trofeos posterior á cea poralle o ramo, ademais, ao Open de Rutas Turísticas Ferrolterra 2024.

Xantar das festas de Naraío
O terceiro cartel que atopamos nas tabernas é o do xantar popular que organiza a comisión de festas do San Roque 2025 para o próximo 1 de marzo (sábado do Entroido, por certo). Os tíckets xa están á venda ata o 23 de febreiro no café bar O Campo, no bar Eladio e na Cooperativa de Meirás en Naraío, ao prezo de 30€ as persoas adultas, 15€ a rapazada de 7 a 11 anos e de balde para menores de 7 anos. Tamén hai posibilidade de anotarse nos teléfonos 650 353 813, 687 473 538 e 689 403 825.

O menú, servido por Casa Taboada, estará composto por empanada, callos, carne asada, sobremesa, bebida, café e un licor. O xantar comezará a iso das 15:00h, pero desde unha hora antes haberá música coa solista Vanesa Ramil, quen continuará trala sobremesa animando a festa xunto co DJ Sebas.

Deja un comentario