A Oficina Virtual do Grafiti realizou 2.334 actuacións nos barrios
O Concello da Coruña mantivo en 2024 a súa loita contra as pintadas e os grafitis que afean as rúas da cidade. A Oficina Virtual do Grafiti (OVG) realizou un total de 2.334 actuacións o pasado ano. Cada intervención supuxo a retirada de entre tres e catro pintadas, co que o número total de grafitis retirados supera os 9.300 cunha media de 25 ao día. O total de pintadas retiradas desde a posta en marcha da OVG en 2021 ascende a 40.000.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou o traballo realizado e a importancia da participación cidadá. “É fundamental avanzar na consolidación das zonas limpas e para iso contamos coa colaboración da cidadanía, que ten claro a canle de denuncia para retirar as pintadas”, explicou a rexedora. “Á caixa de correos da OVG chegaron o ano pasado máis de 300 reclamacións por pintadas e grafitis non autorizados que adoitan atenderse en menos de 48 horas”, agregou.
A OVG puxoa en marcha en xuño de 2021 o Goberno de Inés Rey cunha planificación por distritos que se está estendendo de forma progresiva a todos os barrios. Os traballos comezaron na zona centro e avanzaron cara aos Distritos 10, 9 e 8, con limpezas puntuais en zonas estratéxicas ou con motivo de eventos no espazo público. Ademais, no caso de pintadas con mensaxes que inciten á violencia ou ao odio, ou con mensaxes que atenten contra os dereitos fundamentais, procédese a unha limpeza inmediata en canto son detectadas.
En 2024, o traballo centrouse na consolidación de zonas limpas e avanzouse na contorna de Ramón y Cajal, Avenida de Oza e A Gaiteira. A alcaldesa lembrou que, ademais da retirada de pintadas, desde a OVG séguese traballando con expertos grafólogos para identificar as persoas autoras e sancionarllas. Outro dos obxectivos que ten a Concellaría de Medio Ambiente para este ano é finalizar un inventario de paredes libres da cidade para que poidan acoller grafitis de valor artístico ou social.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.