Wednesday 15 de January de 2025

O Concello de Frades homenaxea aos seus maiores dedicándolles o Almanaque 2025


O Concello de Frades vén de repartir o Almanaque 2025 en todas as vivendas do municipio. Un calendario que este ano leva como título “Ser maior en Frades” como “unha homenaxe do Concello de Frades aos seus maiores e a toda a xente que traballa ao seu carón, presentando tamén todos os servizos que se ofertan para facerlles a vida máis levadeira e que non teñan que saír da súa contorna”, explica o alcalde, Roberto Rey Martínez.

Un almanaque de 28 páxinas nas que cada mes está protagonizado por un servizo dispoñible para as persoas maiores de Frades e que está acompañado por imaxes dos usuarios e usuarias actuais dese servizo no municipio. Así, o mes de xaneiro inclúe seis imaxes das persoas usuarias dos servizos gratuítos de podoloxía e fisioterapia a domicilio que o Concello de Frades leva ofrecendo nestes dez últimos anos.

Ao longo dos seguintes meses recompílanse toda a oferta de servizos para as persoas da terceira idade no municipio. Dende os máis tradicionais como o Servizo de Axuda a Domicilio, Xantar na Casa ou Teleasistencia; ata outros postos en marcha de forma pioneira e gratuíta polo Concello de Frades como: perruquería a domicilio, estimulación cognitiva a domicilio, bono taxi para desprazarse a citas médicas, préstamo de axudas técnicas (camas articuladas, cadeiras de rodas, andadores…) ou axudas á compra de lentes, audífonos e próteses dentais.

Canda elas figuran tamén as actividades organizadas para a terceira idade tales como os cursos formativos, as charlas sobre saúde, a Festa dos Maiores, o mes da saúde (con catro saídas a un balneario da contorna) ou as actividades semanais programadas no centro sociocomunitario de Ponte Carreira (cociña, baile, xogos…). Finalmente, aprovéitase tamén para poñer en valor o traballo da Asociación da Terceira Idade, das profesionais que prestan o Servizo de Axuda no Fogar e das casas do maior no municipio (Sorrisos, en Abellá e O noso fogar, en Galegos).

Agradecemento

“Somos un concello rural, gandeiro e onde a xente maior traballou moitísimo ao longo da súa vida e merece todas as atencións que, dende o Concello e o resto de institucións, lles poidamos dar”, sinala Roberto Rey, “moitos deles foron emigrantes, polo tanto, estamos en débeda con eles. Grazas ao seu pasado temos un bo presente e podemos mirar ao futuro con esperanza”.

Neste sentido, o Concello agradece a colaboración de todas as persoas que fixeron posible este almanaque, especialmente dos 55 maiores e profesionais que aparecen nas imaxes e cuxos nomes recompílanse no propio calendario. Un almanaque que xa foi repartido nas vivendas do municipio porén se algunha persoa non o recibira, pode recollelo na Casa Consistorial ou solicitarllo a unha das persoas integrantes do grupo de Goberno.

Deja un comentario