O local social de Naraío acolleu este venres á tardiña a segunda charla-debate enmarcada na programación dos Foros da Veiga, centrada nesta ocasión nunha aproximación ao pasado, presente e futuro do sector naval da comarca. O poñente foi o exprofesor da UAC e membro do colectivo Rumbo XXI Ramón Yáñez Brage, que reivindicou -unha vez máis- o potencial do sector en base á especialización, á optimización de procesos, ao aproveitamento do coñecemento acumulado e ás remesas de profesionais mozos que nestes momentos buscan saídas laborais noutros países.
Yáñez Brage repasou a historia recente dos estaleiros da ría e puxo de manifesto as súas posibilidades de futuro malia as decisións políticas que lle afectaron desde os anos 80.
O exprofesor repetiu varias veces “ninguén vai vir de fóra darnos nada”. Unha idea que se refire á necesidade de reinventarnos desde dentro da comarca a partir do que sabemos facer e sabemos facer ben.
Para el os estaleiros de Fene e Ferrol non poden ser simples subcontratistas que fíen o seu posicionamento a prezos baixos que repercutan negativamente e en cascada sobre a calidade dos produtos e dos empregos. Hai outras vías para asegurar o seu futuro e o do tecido produtivo de toda a zona.
Segundo Brage é necesario aproveitar o “know how” acumulado durante décadas, asegurar a permanencia na comarca do talento e a formación da xente moza en vez de deixala marchar a outros países, adoptar a máxima eficiencia nos procesos produtivos e ser capaces de especializar os estaleiros en produtos/servizos diferenzados que os sitúen nunha posición vantaxosa no mercado internacional, tal e como ocorre en Corea e como sucedeu nos anos 90 coa especialización de Astano en “off-shore” cercenada pola segunda reconversión naval.