A concelleira de Benestar Animal propón dividir o actual cargo de alta dirección en dous postos de veterinario e director
A concelleira de Benestar Animal presidiu esta mañá unha reunión do Padroado da Fundación Refuxio de Animais, na que presentou unha proposta para renovar o modelo de xestión do refuxio. Noa Morales formuloulles aos membros do Padroado a posibilidade de dividir o actual posto de alta dirección de Bando noutros dous contratos, un de director e outro de veterinario. A edil insistiu en que “este modelo sería máis eficiente e máis eficaz, e permitiría afrontar mellor a actual carga de traballo no Refuxio”.
A concelleira deu conta desta proposta, sobre a que deberá que decidir o Padroado, nunha reunión na que tamén se analizou a posibilidade de desistir o contrato coa actual directora do Refuxio. Un informe da Asesoría Xurídica do Concello entende que esta medida sería acaída, fundada na perda de confianza tras as actuacións levadas a cabo pola responsable do refuxio que, no 10 de decembro de 2015, remitiu aos membros do Padroado da Fundación unha carta na que acusaba á concelleira de Benestar Animal de impedir que se levaran a cabo algunhas actividades, de non responder ás súas solicitudes, e de darlle un trato marxinal ao Refuxio de Bando. Noa Morales rexeitou estas acusacións, e o Padroado acordou solicitar un novo informe antes de adoptar unha decisión sobre o posible desestimento do contrato de alta dirección.
O informe da Asesoría Xurídica do Concello analizado hoxe explica que o persoal de alta dirección non se rexe polo Estatuto dos Traballadores, senón polo Real Decreto 1382/1985, do 1 de agosto, que sinala o “desestimento do contrato por falta de confianza no traballador como unha das causas de extinción da relación laboral, o que sería impensable no caso dunha relación laboral ordinaria”. Tamén advirte que “ao persoal contratado baixo unha relación de alta dirección élle esixible un grao de compromiso, lealdade e boa fe na relación contractual proporcionado ao grao de coñecementos esixidos e responsabilidades exercidas, así como ás condicións laborais e, en particular, retributivas propias do cargo do que desfruta”.
Contas e melloras no convenio colectivo do Refuxio
Na reunión de hoxe, o Padroado da Fundación Refuxio de Animais tamén aprobou as contas da anualidade 2014, e deulle o visto bo provisional ás de 2015. Ademais, analizouse o orzamento de 2016, pendente de incorporar novos gastos non contemplados e de estudar a posibilidade de tramitar unha póliza de crédito. A concelleira de Benestar Animal explicou que esta operación é necesaria “porque durante a elaboración dos orzamentos de 2015, o anterior goberno esqueceu a incorporación da subvención nominativa do Refuxio, que foi preciso incluír despois a través dun modificativo aprobado en pleno”.
Noa Morales tamén levou á reunión do Padroado unha proposta para mellorar o convenio colectivo dos traballadores do Refuxio, tanto a nivel salarial como social. A edil explicou que se acordou solicitar un informe económica antes de aprobar esta modificación, e adiantou que os orzamentos municipais de 2016 prevén destinar 23.000 euros máis ao Refuxio, para acompañar esas melloras.