• A previsión municipal no actual exercicio é de 38.455 euros, que serán destinados a reforzar o departamento de Servizos Sociais e sufragar gastos do SAF, entre outros
O Concello de Laxe celebrou hoxe, 13 de xaneiro, unha sesión plenaria extraordinaria na que aprobou o POS + Adicional 1/2025 da Deputación da Coruña para o financiamento de gastos sociais extraordinarios.
Neste senso, a previsión municipal no actual exercicio é de 38.455,64 euros, dos cales 14.043 euros están destinados a reforzar o persoal dos Servizos Sociais municipais; 5.000 euros a axudas de emerxencia e necesidade social ás unidades de convivencia en risco de exclusión social; 10.622 euros para a parte da achega municipal do servizo de axuda no fogar de carácter básico na modalidade de dependencia; 4.050 euros para a ampliación de servizos de atención complementarios do SAF e 3.630 euros para outras medidas sociais de carácter extraordinario.
Ademais, destinaranse 1.110 euros a investimentos, concretamente á adquisición de equipamento para o desenvolvemento dos programas de servizos sociais e do traballo dos equipos técnicos deste departamento.
O alcalde de Laxe, Francisco Charlín, manifestou que esta é unha oportunidade “para contar con máis recursos e poder así atender necesidades básicas da nosa veciñanza, contribuíndo a prestar servizos de carácter esencial para garantir o seu benestar”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.