Tuesday 14 de January de 2025

A Laracha formou parte do 8º Encontro estatal de participación infantil e adolescente


Asistiron tres conselleiras do Espazo de Participación da Infancia e da Adolescencia municipal.

A Laracha formou parte do 8º Encontro estatal de participación infantil e adolescente que se celebrou durante a pasada fin de semana en Bilbao baixo a organización de UNICEF España.

As larachesas Eva Misu, Lucía Pérez e Raquel Castiñeira, conselleiras do Espazo de Participación da Infancia e da Adolescencia, representaron ao noso municipio no evento, que contou coa presenza de 180 nenos, nenas e adolescentes de idades comprendidas entre os 10 e os 18 anos procedentes de 60 grupos locais de participación infantil e adolescente de todo o ámbito estatal. Como acompañante por parte do Concello asistiu a educadora familiar Lucía Iglesias.

A temática sobre a que xirou o encontro foi o dereito á protección fronte á violencia. Os participantes foron divididos en grupos de traballo para abordar temas como a identificación de diferentes tipos de violencia contra a infancia ou realizar un mapeo dos recursos dispoñibles en cada unha das localidades para construír os medios seguros e protectores. Ademais, debateron, compartiron ideas e consensuaron propostas dirixidas a previr situacións de violencia e definir os pasos que debería seguir calquera neno para poder comunicar unha posible situación de maltrato, abuso ou neglixencia. Tamén reflexionaron sobre o contexto internacional de violencia contra a infancia, que afecta a 473 millóns de nenos que viven en situacións de conflito.

A Laracha participou neste evento apenas dous meses despois de que UNICEF lle outorgase a condición de candidata a Cidade Amiga da Infancia, distintivo que concede aos concellos que mostran o seu compromiso no desenvolvemento de políticas locais en materia de infancia e adolescencia mediante a aplicación de modelos de xestión e de sistemas de gobernanza que xeren mecanismos reais de participación dos nenos e mozos cunha estratexia a longo prazo que sitúe eses colectivos no centro das políticas municipais.

Deja un comentario