O pavillón da Mocidade, na Gándara, acollerá este sábado, día 18, o Campionato Concello de Narón de Powelifting na modalidade AEP3 (iniciación). O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou a convocatoria xunto co presidente do club Powerfenix, José Aurelio Morado, e con Jesús Prieto e Zoraida Bermúdez, integrantes do club e destacados profesionais a nivel mundial –os dous foron campións do mundo- nesta especialidade deportiva, sendo tamén destacable a dilatada traxectoria de Morado.
Na convocatoria participarán un total de 61 competidores e competidoras de toda Galicia. Dende as 8:00 ata as 21:00 horas do sábado disputaranse as tres modalidades de levantamento que forman parte do powerlifting: sentadilla, press banca e peso morto. “Este deporte non só consiste no levantamento de peso, senón que os xuíces valoran tamén a execución de cada un dos exercicios. Terán tres oportunidades en cada un dos movementos e logo realízase un cómputo total dos exercicios”, apuntou Prieto. Nas diferentes categorías inclúense participantes dende os 16 anos (subjunior) ata oa máster 4 (de máis de 70 anos).
Dende o club agradeceron “a excelente acollida da alcaldesa de Narón e do concelleiro de Deportes dende o primeiro momento para poder celebrar aquí este evento”. Así mesmo, animaron á cidadanía a acudir a ver esta competición de powerlifting, un deporte, como indicaron, “en vías de ser seleccionado como deporte de exhibición olímpica”.
Pola súa banda, Santalla agradeceu o feito de que esta convocatoria se desenvolva en Narón e tamén a oportunidade que representará de cara a contrubuír á proxección do mesmo na cidade e na comarca en xeral.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.