― A delegada destacou que esta nova iniciativa busca dar a coñecer entre a mocidade galega os seis parques naturais de Galicia para concienciar ás novas xeracións sobre a riqueza natural e a biodiversidade galegas
― Os interesados poden enviar as súas propostas para Instagram, TikTok e YouTube ata o vindeiro día 3 de marzo e os tres gañadores recibirán como premio unha excursión guiada para toda a súa clase a un destes espazos protexidos
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou o CPI As Revoltas, acompañada polo alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíños, e pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, , para animar ao alumnado de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) a participar na primeira edición do concurso #ParqueVibras que ten por obxectivo facer vídeos orixinais para Instagram, TikTok ou YouTube que se centren e inspiren nalgún dos 6 parques naturais de Galicia —Fragas do Eume; Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; Monte Aloia; Baixa Limia-Serra do Xurés; O Invernadeiro e Enciña da Lastra—. Belén do Campo destacou que se informará aos centros educativos da provincia para incentivar a participación neste concurso.
A representante do Goberno autonómico explicou que esta iniciativa conta cunha páxina web propia, https://parquevibras.gal/ para canalizar toda a información dispoñible e xestionar as inscricións dos participantes, que se poderán facer tamén a través do centro educativo.
Neste sentido, explicou que o prazo para poder inscribirse—de forma individual ou en grupo— está aberto ata o 2 de febreiro e para presentar os videos será ata o próximo 3 de marzo. As propostas deberán incluír no momento da súa publicación en calquera das tres redes sinaladas os seguintes hashtags obrigatorios: #ParqueVibras, #ConcursoNaturezaGalicia e #DescubreParquesGalicia.
Así mesmo, Belén do Campo puntualizou que aínda que a temática terá que estar relacionada en todo caso coa rede de parques naturais de Galicia, os participantes terán liberdade para xestionar os contidos, que poderán incluír imaxes dalgunha ruta peonil, bailes, gráficos ou memes, entre outros elementos.
Haberá tres categorías: creatividade, viralidade e valor divulgativo. O día 22 de abril daranse a coñecer os 12 finalistas —4 para cada unha delas— e a partir de aí escolleranse os 3 vídeos premiados tendo en conta cal foi a proposta máis orixinal, a que recibiu un maior número de likes e a que contribúe a difundir mellor os valores do noso patrimonio.
O concurso finalizará cunha gala de entrega de galardóns prevista para o 24 de maio, coincidindo coa celebración do Día Europeo dos Parques Naturais, e os tres gañadores recibirán como premio unha excursión guiada para todos os alumnos da súa clase a un destes espazos protexidos.
A delegada destacou que o obxectivo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático con este concurso é dar a coñecer o patrimonio natural galego entre o estudantado galego de Ensino Secundario.
Neste sentido, salientou a importancia deste tipo de actividades, que animan a participar á xuventude apelando ao seu lado máis creativo e aos seus coñecementos sobre as redes sociais para sensibilizalos e “espertar a conciencia ambiental” das novas xeracións sobre a riqueza do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia e en concreto dos 6 parques naturais de Galicia.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.