O pleno municipal aprobou de xeito unánime derivar a achega da Deputación a gastos extraordinarios nesta materia, fundamental para o equipo de goberno
Podoloxía, fisioterapia e terapia ocupacional gañarán novos fondos, que tamén irán destinados a axudas técnicas e novas tecnoloxías para os obradoiros de memoria
Podoloxía, fisioterapia, terapia ocupacional, axudas técnicas, emerxencia social, axudas técnicas e novas tecnoloxías para os obradoiros de memoria. Son as áreas que se verán reforzadas cos 40.493,81 euros que a Deputación da Coruña concede a Paderne neste 2025 a través do POS+Adicional.
O pleno municipal aprobou esta mañá por unanimidade destinar estes fondos aos gastos sociais extraordinarios a proposta do executivo local, que continúa deste xeito reforzando os servizos sociais municipais, un dos principais piares do plan de goberno do equipo liderado por Sergio Platas.
Deste xeito, Paderne destinará máis da metade destes fondos ao servizo de Podoloxía (13.685 euros), Fisioterapia (5.000) e Terapia Ocupacional (5.000). Todas estas iniciativas complementarias ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) veranse reforzadas en Paderne, un municipio que as ofrece dentro da súa ampla carteira de servizos gratuítos á súa veciñanza.
A maiores, o Concello realizará un gasto de investimento superior aos 10.000 euros para adquirir novo equipamento asistencial para as persoas que precisen de axudas técnicas para a súa vida diaria. En concreto, investiranse 2.985,07 euros para arneses, colchóns antiescaras ou calquera outro material valorado polo equipo técnico. A esta cantidade súmanse os 7.707,94 euros para a adquisición de novas tecnoloxías necesarias para o desenvolvemento dos obradoiros de adestramento de memoria.
Estes obradoiros contarán con fondos adicionais. Concretamente, cunha inxección de 5.115,80 euros que permitirán que se continúen impartindo de xeito gratuíto como servizo social “imprescindible” que o Concello de Paderne considera que son.
Por último, as partidas municipais destinadas a axudas de emerxencia e necesidade social medrarán con 1.000 euros adicionais para cubrir a persoas e familias en risco de exclusión social.
“O POS+Adicional é unha desas achegas doutras administracións fundamentais para os concellos e, de xeito especial, para os pequenos municipios como Paderne. Dentro da nosa liberdade para decidir cara onde investir estes fondos, apostamos por destinalos aos servizos sociais. Consideramos que debemos seguir reforzando esta área, que afecta de xeito directo á calidade de vida da nosa xente. Estar preto da veciñanza é fundamental para nós e estes fondos axúdannos a iso”, apuntou o alcalde, Sergio Platas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.