A doutora en Informática pola Universidade da Coruña, Verónica Bolón Canedo, é a protagonista da primeira charla deste ano no ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene, coa colaboración da Concellería de Ensino. A enxeñeira informática e profesora titular do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC falará este xoves, 16 de xaneiro, na Casa da Cultura de Fene sobre os “Avances e desafíos da Intelixencia Artificial”. A conferencia comezará ás 19.30 horas, con entrada libre e gratuíta até completar o aforo. Verónica Bolón Canedo é investigadora no Centro de Investigación TIC (CITIC), amais de académica de número de Academia Joven de España e académica correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España.
O ciclo Contando Ciencia naceu co obxectivo de achegar a ciencia á poboación en xeral”. Aberto a todo tipo de público, todas as conferencias teñen lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta.
Trala conferencia deste xoves, as próximas citas serán:
13 de febreiro, Rosa Crujeiras Casais, catedrática de Estatística e Investigación Operativa da USC. Tema: “Mentiras, malditas mentiras e estatísticas”.
Rosa Crujeiras Casais é catedrática da área de Estatística e Investigación Operativa da USC e, actualmente, directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, CITMAga (desde setembro de 2021). A súa investigación céntrase no desenvolvemento de metodoloxía non paramétrica para a análise de datos en contextos complexos: procesos con dependencia espacial, variables observadas sobre soportes non-euclídeos e, máis recentemente, datos con información parcial.
6 de marzo, Estíbaliz Espinosa Río, estudosa de Astrofísica e Arqueoastronomía. Tema: “Multiverso de telescopias”
Estíbaliz Espinosa defínese como “autora, exploradora en ciencia e literatura, músico, astrónoma amadora, editora e tradutora”. Lémbrase escribindo desde que colleu o primeiro lapis e debuxou cómics. Lémbrase sobre todo lendo, dándolle voltas ao prisma literario non menos que ao científico ou ao musical. De ciencias e de letras, licenciouse en Socioloxía e en Filoloxía Hispánica na UDC. Ademais, escribe e canta desde que pode recordar. Cantou en coros e como solista (soprano e mezzo). Estuda astrofísica como afeccionada e arqueoastronomía.
3 de abril, Iria Gómez Touriño, doutora e investigadora do grupo Inmunidade e Pequenas Moléculas. Tema: “Investigando o lado escuro do sistema inmunitario
Iria Gómez Touriño é investigadora principal do grupo Inmunidade e Pequenas Moléculas do CiMUS e IDIS. Ten conseguido varias axudas e contratos altamente competitivos, incluídos dous contratos Marie Sklodowska-Curie da Unión Europea (King’s College London, Reino Unido, 2013-2015, e USC, España, 2018-2020), e máis recentemente o Career Development Award da fundación estadounidense Juvenile Diabetes Research Foundation (2023-2028). As suas principias liñas de investigación inclúen a identificación e caracterización de novos fármacos para o tratamento de enfermidades autoinmunitarias, así como o estudo das causas destas patoloxías. A Dra. Gómez é tamén inventora en tres patentes, avaliadora experta de proxectos da Unión Europea e vogal da Xunta directiva da Sociedade Española de Inmunoloxía (2022-2026)
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.