Inés Rey e Ángel García Seoane asinaron esta mañá o convenio en María Pita. O camión, pertencente ao servizo municipal de Bombeiros coruñés, está adaptado para traballar tanto en espazos urbanos como forestais
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o rexedor do Concello de Oleiros, Ángel García Seoane, asinaron esta mañá o convenio de colaboración mediante o cal o municipio coruñés cédelle ao oleirense un vehículo de asistencia destinado a reforzar o seu servizo de emerxencias.
O camión, pertencente ao servizo municipal de Bombeiros, é un todoterreo adaptado para traballos tanto en espazos urbanos como forestais, o que lle permitirá ao persoal profesional do servizo de emerxencias de Oleiros actuar en zonas de ámbito rural ou camiños de difícil acceso.
Rey, acompañada hoxe pola concelleira de Seguridade Cidadá e Interior, Montserrat Paz, destacou que o camión, un Mercedes Benz, “conta cunha bomba de extinción de incendios e tamén unha dobre cabina habilitada para cinco persoas”.
Neste sentido, cómpre indicar que o Concello de Oleiros será o encargado de asumir os custos de mantemento, así como outros derivados do uso do camión, durante o período de vixencia do acordo. Ademais, o texto do convenio estipula o compromiso de desprazar o vehículo ao termo municipal da Coruña sempre que sexa preciso ou así sexa requirido.
O acordo, rubricado este luns no Palacio Municipal de María Pita, terá unha vixencia inicial dun ano, reforzando así os lazos institucionais xa existentes entre ambos os concellos. “A colaboración entre A Coruña e os concellos da área metropolitana é moi importante para acadar avances en positivo para toda a comarca. Aspectos como a resolución de emerxencias ou as melloras dos fluxos de mobilidade, fundamentais para a cidadanía, non entenden de fronteiras nin de límites administrativos. E así o compartimos ambos os concellos tamén”, precisou Rey.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.