Wednesday 15 de January de 2025

O Concello de San Sadurniño acollerase ao primeiro plan adicional do POS+ deste ano, que suporá máis de 58.000 euros para gasto social


O acordo someterase a votación nun pleno extraordinario e urxente convocado para hoxe á tarde

Para a tarde deste luns hai convocado un pleno extraordinario e urxente que leva na súa orde do día, como único punto, a aprobación da solicitude do POS+ Adicional 1/2025, o primeiro dos plans que a Deputación da Coruña activa este ano cos seus remanentes económicos, dirixido ao financiamento de gastos sociais extraordinarios. A San Sadurniño correspóndenlle algo máis de 58.000 euros. A súa distribución será outro dos apartados que se acorde na sesión, fixada para as 17:30h en primeira convocatoria.

A necesidade de abordar a cuestión nun pleno extraordinario -en vez de agardar á sesión ordinaria do último xoves de mes- obedece á obriga de cumprir o prazo dado pola Deputación para acollerse á convocatoria publicada o pasado mes de decembro. De aí que, en primeiro lugar, a corporación deberá votar a urxencia do propio pleno e, posteriormente, votar o punto no que se inclúe tanto a solicitude de participación como o destino dos fondos provinciais.

Así, os 58.450,43 euros consignados no POS+ Adicional 1/2025 para o financiamento de gastos sociais extraordinarios distribuiranse entre programas e servizos municipais caracterizados por iso, pola súa compoñente eminentemente asistencial e sociocomunitaria.

Dentro da proposta que se debaterá e votará hoxe á tarde sinálanse que, dentro das opcións que dá a Deputación, o Concello dedicará 24.562 euros aos custes do persoal técnico adscrito aos servizos sociais municipais, outros 25.050,43 euros irán para compensar a parte da achega municipal para soster a atención á dependencia que se presta a través do SAF e, por último, unha partida de 8.838 euros para aquelas medidas e actuacións que os Servizos Sociais municipais consideren urxentes e imprescindibles para atender ás persoas máis vulnerables, como é o caso do programa de envellecemento activo desenvolvido polas parroquias en colaboración con AFAL Ferrolterra.

O contido da orde do día fai supoñer que a sesión dure escasos minutos e que este punto principal se resolva por unanimidade. En calquera caso, o pleno poderá seguirse ao vivo a través da canle de youtube do Concello.

Deja un comentario