No encontro destacou o apoio das Administracións públicas para seguir mellorando a calidade de vida dos doentes
O Executivo galego seguirá apoiando no 2025 ás persoas afectadas cunha achega de 12.000 euros anuais para sufragar os custos derivados da enfermidade
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, estivo esta mañá acompañando aos participantes da XII Travesía a nado pola ELA que organiza a asociación Agaela para dar visibilidade a esta doenza. Durante o encontro, a conselleira destacou o importante labor que realizan as entidades sociais no acompañamento ás persoas afectadas.
A conselleira agradeceu o labor dos participantes por sumarse a esta iniciativa solidaria que busca dar visibilidade a esta enfermidade e a loita dos doentes. Así mesmo, destacou que os avances acadados nos últimos anos son grazas ao empeño das entidades sociais. Por iso mesmo, sinalou que é fundamental que as Administracións públicas manteñan o seu apoio ás persoas afectadas e lle dean as ferramentas necesarias para facer fronte a enfermidade.
Nesta liña, Fabiola García lembrou que Galicia foi a primeira, e a única, comunidade en crear unhas axudas de 12.000 euros anuais destinadas aos doentes da ELA e recalcou que este ano 2025 a Xunta volverá a convocalas. O obxectivo é axudar a todas as persoas afectadas para que poidan facer fronte aos custos derivados da enfermidade, a compra de material específico ou mesmo as obras de accesibilidade nos seus fogares. Neste sentido, e tras ser aprobada a lei ELA, destacou que a Xunta segue reclamando ao Goberno central que a dote de fondos para poder seguir mellorando a atención.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.