Tuesday 14 de January de 2025

A secretaría xeral da Emigración e a Axencia Galega de Innovación avanzan na colaboración para atraer talento investigador do exterior


O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo unha reunión coa directora xeral da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado pola subdirectora xeral de Retorno, Begoña Solís, mantivo unha reunión coa directora xeral da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e coa directora da área de Talento e transferencia, María José Mariño, para establecer vías de colaboración que permitan reforzar a atracción de talento e o retorno de investigadores e investigadoras galegos do exterior.

Durante o encontro, destacouse a importancia de promover accións conxuntas que potencien a captación no exterior de profesionais altamente cualificados no ámbito da investigación, desenvolvemento e da innovación para a súa incorporación aos axentes do ecosistema galego de I+D+i e ao tecido produtivo.

Un dos puntos principais abordados foi a integración dos bolseiros do programa BEME da Secretaría Xeral da Emigración, que cursan mestrados en Galicia, nos centros de coñecemento públicos e privados apoiados por este departamento da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para a realización de prácticas. Esta iniciativa permitiría achegar o talento retornado ao ecosistema galego de I+D+i, reforzando a conexión entre o ámbito académico e as necesidades do tecido empresarial e científico de Galicia.

Tamén se exploraron posibles actuacións conxuntas tanto en Galicia como no exterior, aproveitando a rede global da diáspora galega para atraer profesionais galegos que desenvolven as súas carreiras en países estranxeiros. Ambas institucións coincidiron na importancia de sumar esforzos para facer de Galicia un polo de atracción de talento investigador, clave para reforzar a competitividade e a excelencia no ámbito da I+D+i galega.

Deja un comentario