“Este regulamento facilitará á veciñanza a participación directa na vida política do municipio e isto é moi importante para evitar a desafección política e acadar unha maior implicación veciñal” di a voceira municipal, Fátima Rodríguez Gonzálvez.
Se ben no mandato do 2015-19 se permitiu a realización de preguntas ao remate dos plenos á veciñanza presente, naquela ocasión non se chegou a materializar ningún regulamento que ordenara e oficializara esta canle de participación.
Foi no pleno do 12 de xuño de 2024 cando o BNG presentou unha moción que poñía o foco en acadar a participación da veciñanza nos plenos a través de tres mecanismos:
● facendo preguntas previamente rexistradas ao goberno municipal,
● rexistrando mocións para a súa aprobación polo pleno,
● unha quenda rápida e áxil de intervención veciñal para aclarar cuestións tratadas previamente no propio pleno.
A moción foi aprobada por unanimidade no devandito pleno, “para nós foi unha sorpresa xa que no seu día (2015-202) o Partido Popular abandonaba os plenos sen escoitar á veciñanza e, por outra banda, o PSOE con maioría absoluta decidiu eliminar estas intervencións nos plenos, aínda así valoramos moi positivamente que finalmente o Concello de Ponteceso dispoña deste sistema de participación” – expresa a edila Fátima R. Gonzálvez.
O Regulamento foi debatido polos grupos municipais nas comisións de transparencia que seguiron ao pleno de xuño e actualmente atopase na fase final de redacción e será público en breves.
Este Regulamento, a maiores das peticións do BNG na moción de xuño, tamén ordena outras canles de participación veciñal como as Asembleas Parroquiais e a existencia dos alcaldes de barrio. “A dos alcaldes de barrio parecenos unha figura totalmente innecesaria hoxe por hoxe para unha poboación como a de Ponteceso, a maiores de que o sistema de nomeamento é absolutamente antidemocrático e máis lembra a tempos pasados alleos á liberdade” – expresa a concelleira do BNG.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.