Tuesday 14 de January de 2025

O Plan de Recuperación de Ruínas avanza coa activación da subasta do número 3 da rúa Damas


O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, puxo en valor a continuidade no tempo desta medida, “necesaria para promover a conservación do patrimonio urbano existente na nosa cidade”

Nos vindeiros días avanzará o proceso de subasta pública do inmoble situado no número 3 da rúa Damas, na Cidade Vella, unha medida que dá un novo pulo ao Plan Municipal de Recuperación de Ruínas posto en marcha polo Goberno de Inés Rey e creado co obxectivo de dar solucións máis áxiles ao estado de abandono no que se atopan algúns edificios, soares e inmobles da cidade.
Neste sentido, o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, fixo balance esta mañá dos avances que se están a experimentar con vistas á rehabilitación dos oito inmobles que foron marcados como prioritarios na folla de ruta inicial, repartidos moitos deles polo ámbito PEPRI e tamén en Santa Lucía.
“Destes oito edificios en ruínas, que estiveron sen movemento algún nos últimos anos, activamos tres procesos de subasta, outro obtivo licenza de rehabilitación sen necesidade de saír a venda forzosa, hai outros dous edificios con informes de viabilidade na Comisión do PEPRI e hai un a expensas de decisión xudicial”, expuxo Díaz Gallego.
O caso do inmoble do número 3 da rúa Damas é especialmente simbólico, xa que sobre o edificio pesaban cargas da AEAT. Desta forma, toda vez se levantou a prohibición de dispor do inmoble imposta pola Axencia Tributaria, a previsión é que nos vindeiros días se inicie o proceso de venda forzosa, que se notificará no Boletín Oficial da Provincia (BOP), cun prazo dun mes para que as posibles persoas compradoras se informen do estado do edificio e a propiedade se manifeste ao respecto.
Este procedemento é idéntico ao que xa se seguiu no caso do soar ubicado no número 6 da rúa Herrador, no barrio da Pescaría-Orzán.
Nota de Prensa
Un dos edificios situados no Orzán xa ten licencia de rehabilitación para catro vivendas
A maiores destes dous casos específicos, dos seis expedientes restantes incluídos no Plan Municipal de Recuperación de Ruínas hai dous con anteproxectos xa presentados á Comisión PEPRI para a súa rehabilitación: os do número 130 da rúa Orzán e do 140 da rúa San Andrés.
A estes dous súmase o 72 da rúa Orzán, que xa conta con licencia de rehabilitación outorgada por parte do Concello. A previsión é que o futuro edificio conte con catro novas vivendas.
No número 4 da rúa Pastoriza xa se iniciou a tramitación da súa venda forzosa, cunha declaración de incumprimento das obrigas de conservación, con data de outubro do ano pasado.
O número 8 da rúa Santa Lucía, onde o Concello tivo que actuar de forma subsidiaria ante o desleixo da propiedade —acometendo a finais de 2022 unha demolición parcial da súa estrutura—, está pendente de venda por parte da administración xudicial. “Cómpre lembrar que, cando se executou a demolición parcial, prestouse especial atención á conservación da fachada, polo seu valor arquitectónico. Ademais, este inmoble está á beira do Camiño Inglés”, agregou Díaz Gallego.
A día de hoxe, do plan inicial estipulado polo Concello, só resta por reactivar o expediente do número 2022 da rúa Orzán, sen movemento algún por parte da propiedade. “Falamos de procedementos complexos mais moi necesarios, porque a finalidade última é impulsar a rehabilitación de edificios en desuso que pola inacción da propiedade están case que en estado de abandono e poden crear focos de insalubridade ou supor un risco para as persoas”, lembrou o concelleiro.

Deja un comentario