Este ano celebraranse o 25 de xaneiro na Brea, o 1 de febreiro en Rus e o 8 de febreiro en Lema
Volven os cursos de poda, unha actividade con moitísima demanda que se leva a cabo aproveitando a época idónea para poñer a punto as plantacións domésticas. Por cuarto ano consecutivo, o Concello de Carballo e o centro especial de emprego Dixardín colaboran para seguir fomentando unha xestión axeitada dos recursos naturais.
Para intentar chegar a todos os recunchos do territorio municipal, os cursos son itinerantes. Nas tres edicións anteriores celebráronse en Verdillo, Outón (Rus), Artes, San Miguel de Vilela, Sísamo, Entrecruces, Imende (Noicela) e Cances, e este ano levaranse a cabo segundo o seguinte calendario:
• 25 de xaneiro: A Brea (Carballo)
• 1 de febreiro: Ramil (Rus)
• 8 de febreiro: Lema
Os cursos realizaranse de 10.00 a 13.00 horas. As prazas son limitadas, e outorgaranse por orde de solicitude. Para inscribirse só hai que cubrir o formulario dispoñible na páxina web do Concello de Carballo. O prazo estará aberto desde o sábado 11 ata o venres 17 de xaneiro ou ata completar as prazas dispoñibles. Ás persoas admitidas enviaráselles un correo electrónico de confirmación a partir do 21 de xaneiro no que tamén se lles indicará o lugar concreto de celebración da actividade. Desde o Concello de Carballo queremos agradecer a colaboración da Asociación Cultural Mestra Carmen Cancela da Brea, o Consello Parroquial de Rus e a Asociación Cultural Ría de Lema.
Os cursos de poda enmárcanse no programa medioambiental Catro estacións, promovido polo Concello de Carballo coa colaboración do centro especial de emprego Dixardín, e vinculado á creación e mellora das zonas verdes e arboradas e dos espazos axardinados do noso concello. O principal obxectivo é implicar á veciñanza na conservación dos espazos públicos a través dunha serie de iniciativas orientadas a fomentar o coñecemento da nosa riqueza de flora, poñer en valor os recursos naturais do territorio e fomentar o respecto polas zonas verdes como bens comunitarios.
Cubríronse as prazas para os cursos de poda da Brea e Lema. Agora mesmo só quedarían para Rus
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.