A entidade provincial contará cun espazo propio no evento para promocionar os produtos locais, segundo acordaron esta mañá o equipo de goberno de Paderne e o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira
O Concello de Paderne consolida a súa Feira GastroLexítimo. Tras a estrea no 2024 do evento herdeiro da Mostra do Branco Lexítimo, o municipio celebrará no 2025 unha segunda edición máis consolidada grazas ao apoio da Deputación da Coruña. Así o confirmaron esta mañá tanto o alcalde padernés, Sergio Platas, como o vicepresidente provincial, Xosé Regueira. Fixérono durante a reunión de traballo entre o responsable de Turismo e o equipo de goberno local celebrada esta mañá no Consistorio de Paderne.
Froito deste acordo, a Deputación da Coruña terá unha participación activa na Feira GastroLexítimo. Dita participación cristalizará na presenza dun stand propio no evento para promocionar os produtos locais, algo que Regueira considerou como “un orgullo”, xa que o evento “encaixa á perfección” coa campaña turística e gastronómica ‘A provincia que sabe’ e que “celebra a identidade da comarca, da provincia e do país”.
O vicepresidente provincial recalcou a relevancia de que a Feira Gastrolexítimo se celebre “nunha aldea singular, involucrando a toda a veciñanza, dun concello rural que forma parte dun territorio como a Reserva da Biosfera, fundamental para o turismo da provincia e que está xogando un papel clave no fomento da gastronomía centrada no quilometro cero e de calidade, e nos produtos artesanais”. Por todo iso, destacou que a Feira GastroLexítimo é un espazo “de especial interese para a Deputación”.
Pola súa banda, o alcalde de Paderne, Sergio Platas, quixo agradecer de xeito moi rotundo o apoio da Deputación da Coruña a un evento que aínda que aspira a consolidarse como unha referencia no calendario gastrocultural da comarca e da provincia, “aínda está a dar os seus primeiros pasos”. “O viño Branco Lexítimo, a gastronomía autóctona e a tradición déronse a man no Concello de Paderne para encher o lugar de Esperela de centos de persoas o pasado ano. A resposta foi moi boa, pero a nosa aspiración é que esta proposta siga medrando. Por iso a presenza da Deputación é un apoio fundamental”, recalcou Platas.
A Feira GastroLexítimo celebrou a súa primeira edición o 29 de xuño do 2024. Naceu como evento de exaltación da variedade branco lexítima de viño, a gastronomía e a cultura locais. Celébrase no lugar de Esperela, no rural padernés, grazas á colaboración da veciñanza, que cede parte das súas propiedades para converter o espazo nun escenario autóctono e inigualable.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.