Friday 10 de January de 2025

O Ciclo Principal de Primavera bate o seu récord histórico de abonados con 624 persoas


A obra ‘1936’ esgotou nunhas horas todas as entradas para as dúas funcións do 28 e 29 de marzo e haberá un terceiro pase o domingo 30

O Ciclo Principal de Primavera, cuxas entradas soltas saíron á venda este xoves 9 de xaneiro, bateu nesta edición o récord histórico de abonados e abonadas con 624 persoas, superando as 599 do pasado 2024. “Estas cifras amosan o gran traballo de programación cultural levado a cabo polo Goberno de Inés Rey, ofrecendo á cidadanía unha oferta variada e de gran calidade”, sinalou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

O Ciclo Principal de Primavera comezará o vindeiro 17 de xaneiro coa primeira das dúas funcións de ‘La Regenta’, de Leopolda Alas Clarín, adaptada por Eduardo Galán e dirixida por Helena Pimenta. Durante os vindeiros meses pasarán polo Teatro Rosalía de Castro un total de 13 obras diferentes, cun total de 23 funcións.

O pasado 16 de decembro abriuse o prazo de renovación de abonos, mentres que o 3 de xaneiro as persoas interesadas puideron darse de alta como novos aboados. Ao final deste proceso foron 624 as persoas con butaca reservada para asistir a todas as obras programadas. Ademais, este xoves puxéronse á venda as entradas das diferentes funcións, esgotándose en apenas unhas horas as das representacións de ‘1936’, o venres 28 e sábado 29 de marzo.
A obra de Abert Boronat, Juan Cavestany, Andrés Lima e Juan Mayorga é unha das sensacións teatrais do momento. Está producida polo entro Dramático Nacional, Check in Producciones e El Terrat coa colaboración de Asuntos Culturales, Teatre L`Artesà y Teatro de La Abadía, e a dirección corre a cargo de Andrés Lima. O Teatro Rosalía de Castro e a compañía programarán unha terceira data, que se celebrará o domingo 30 de marzo ás 18.00 horas. As entradas para dita función sairán á venda o martes 21 de xaneiro ás 11.00 horas a través de Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense.

Deja un comentario