A alcaldesa, Inés Rey, lembrou que o Concello manterá as súas bonificacións ao transporte neste primeiro semestre, toda vez que o MITMA deu luz verde a unha prórroga das súas axudas
O servizo de transporte urbano da Coruña rematou o ano pasado cun balance de máis de 27,5 millóns de viaxes en autobús, cifra que marca un novo récord no histórico do servizo e que sustenta, tal e como subliñou hoxe a alcaldesa, Inés Rey, “a nosa estratexia de apostar polo transporte público compartido, cofinanciando as bonificacións estatais que seguirán vixentes neste primeiro semestre do 2025”.
Rey destacou que o plan para mellorar a mobilidade na cidade vivirá un punto de inflexión coa licitación do novo servizo de transporte urbano, que sairá a concurso toda vez se complete, este mesmo ano, o Estudo do Transporte Urbano da Coruña que definirá o futuro mapa de liñas atentendo ás necesidades específicas dos barrios e, en termos xerais, da cidadanía.
“As cidades son un elemento vivo, en constante evolución. Por iso debemos planificar a medio e longo prazo tendo en conta os barrios de nova creación, os que están en expansión e tamén aspectos clave como os desprazamentos por motivos laborais a puntos como os polígonos empresariais e industriais da cidade, así como a polos tecnolóxicos en fase de crecemento como a Cidade das TIC”, explicou hoxe a alcaldesa.
2,7 millóns de viaxes máis que no exercicio anterior
A tendencia á alza nos balances anuais do servizo de transporte urbano xa se constatou no 2023, cando se rexistrou o récord previo —24.841.221 viaxes— que finalmente se superou este ano pasado, cando se contabilizou un incremento de 2,7 millóns.
A alcaldesa explicou que “no 2023, ademais de facerse palpable a recuperación total do servizo tras o impacto da pandemia, fíxose evidente que a aposta por bonificar as tarifas foi positiva para promover o uso do transporte público compartido, coas cifras de viaxes en aumento”.
Neste sentido, o histórico de viaxes no servizo foi experimentando variacións, precisamente, nos anos da pandemia. Se no 2019 contabilizáronse 23 millóns; no 2020 —xa coas primeiras vagas da covid-19— foron 13,6 millóns, subindo a 16,2 millóns no 2021. Xa no 2022, esta cifra incrementouse a 20 millóns de viaxes.
Rey lembrou que as bonificacións do Concello no servizo de transporte urbano puxéronse en marcha en xaneiro de 2023 coa fin de promover os desprazamentos en autobús na cidade e favorecer unha mobilidade sostible entre a cidadanía.
Cómpre lembrar que a finais de decembro aprobouse na Xunta de Goberno Local a ampliación desta medida ata o 30 de xuño de 2025, toda vez que o Goberno estatal, a través do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible (MITMA), deu luz verde a unha prórroga das súas axudas ao transporte. Isto supón que o Estado se siga facendo cargo do 30% da bonificación, mentres que a administración municipal sufragará o 20% restante. Rey lamentou que a Xunta, que podía facer tamén aportacións ao bus urbano, rexeitara esa posibilidade cando si contribúen as Administracións autonómicas en lugares como Valencia ou Madrid.
Desta forma, neste primeiro semestre de ano manterase o prezo á metade para as persoas usuarias da Tarxeta Millenium, de 0,38, 0,12 e 0,15 euros nas tarifas xeral, social e universitaria, respectivamente.
Outubro, o mes con máis viaxes contabilizadas no 2024
Os datos correspondentes ao servizo de transporte urbano no ano 2024 reflicten que foi no mes de outubro cando se contabilizaron máis viaxes en autobús na cidade, un total de 2,6 millóns. Rexistráronse outros 2,5 millóns no seguinte mes, en novembro, e 2,4 millóns en abril.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.