Friday 10 de January de 2025

Belén do Campo informa das iniciativas de formación que a Xunta impulsa cos concellos de Carballo e Coristanco e con 6 entidades deste municipio grazas a un apoio de case 2,3M€


— A delegada da Xunta coñeceu o obradoiro Lubiáns, unha iniciativa de formación que organizan os concellos de Carballo e Coristanco para mellorar a empregabilidade de 15 persoas cun investimento autonómico de case 309.000 euros

— A representante do Goberno autonómico comprobou tamén o funcionamento de varios dos cinco cursos de Accións Formativas para o Emprego que está levando a cabo o Concello de Carballo grazas a un apoio da Xunta de máis de 284.000 euros

— Este municipio recibiu tamén máis de 1,6 millóns de euros para seis entidades para levar a cabo outros 26 cursos AFD

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe o obradoiro de emprego dual de Carballo-Coristanco, Lubiáns, onde se están a formar a 15 desempregados en montaxe e instalacións de construcións de madeira e en montaxe de mobles e elementos de carpintaría, dúas áreas con gran demanda de emprego nas empresas da contorna. Belén do Campo, explicou que estas actuacións, financiadas polo Goberno galego, contribúen a reforzar a colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais a prol do emprego, un compromiso que se manterá -dixo- no 2025.

Así, na visita destacou que este taller de formación recibe unha axuda de máis de case 309.000 euros, para que os participantes reciban formación durante nove meses ao tempo que desempeñan un traballo remunerado arredor da madeira. No marco deste programa levarase a cabo a dotación e renovación do mobiliario interior dos centros sociais de Bértoa, Entrecruces e Verdillo en Carballo e Cereo, Erbecedo, e Oca en Coristanco. Tamén se dotará de equipamento público dunha pérgola na escola unitaria de Artes en Carballo, e no exterior do Museo da Pataca de Santa María de Traba e do pavillón deportivo de Xosé Pichel en Coristanco.

Belén do Campo subliñou que neste obradoiro as alumnas e os alumnos reciben unha formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. “O obxectivo – incidiu – é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”. Neste senso, animou a todos os participantes a aproveitar a formación recibida para buscar traballo e incluso para iniciar o seu propio negocio “porque estades preparados para traballar nun sector que precisa, nestes momentos, de profesionais cualificados”, subliñou.

Obradoiros 24-25
Belén do Campo subliñou na comarca de Bergantiños-Costa da Morte están aprobados dous obradoiros na Laracha e en Carballo-Coristanco por un importe que supera os 720.000 euros. Na provincia da Coruña están aprobados 23 obradoiros de emprego duais, grazas a un investimento de máis de 9 millóns de euros para formar a 440 persoas sen traballo.

Finalmente, en toda Galicia os obradoiros de emprego duais supoñen un investimento por un importe de máis de 36 millóns de euros para un total de 87 accións deste tipo coas que se prevé beneficiar a máis de 1.700 persoas sen traballo.

Estes obradoiros –que poden ser solicitados por concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes, así como por entidades sen ánimo de lucro do sector forestal- perseguen mellorar a empregabilidade dos participantes, ofrecéndolles unha formación teórico-práctica para o emprego de calidade. Ao tempo, supoñen a mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para toda a sociedade.

Cursos AFD

A delegada tamén aproveitou para visitar aos alumnos dos cursos de Accións Formativas para Desempregados (AFD) que está organizando este concello. En total, recibiron máis de 284.000 euros para levar a cabo 5 cursos centrados en cociña, atención sociosanitaria a persoas dependentes e institucións sociais, soldadura, operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios e xestións de chamadas de teleasistencia.

Este concello tamén recibiu outros máis de 1,6 millóns de euros en axudas a 6 seis entidades deste municipio para levar a cabo outros 26 cursos deste tipo.

Na visita informou que na comarca de Bergantiños-Costa da Morte recibirán estes apoios un total de 11 entidades e os concellos de Carballo e A Laracha para levar a cabo 48 cursos cun apoio da Xunta de máis de 2,8 millóns de euros. A delegada aproveitou a visita para destacar a importancia destes cursos que “permiten formar a persoas desempregadas en especialidades que contan cunha gran demanda de profesionais cualificados”. O éxito destas accións, segundo explicou Belén do Campo, pódese comprobar coa “altísima taxa de empregabilidade do alumnado que remata as formacións”.

As accións formativas están dirixidas á adquisición e mellora de competencias profesionais relacionadas cos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas, ás necesidades de adaptación aos cambios operados nos sectores produtivos e ás aspiracións de inserción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, de forma que as capacite para o desenvolvemento cualificado dunha profesión e lles permita mellorar a súa empregabilidade.
Esta orde resolveuse en 2024 por un importe próximo aos 72,1 millóns de euros para impartir un total superior aos 1.500 cursos, coa previsión de que poidan participar máis de 23.300 persoas A Xunta continúa así a reforzar a formación para o emprego co reto principal de axustar as accións formativas aos perfís que demanda o tecido produtivo e de dar resposta, deste xeito, ás vacantes que existen no mercado laboral.

A delegada da Xunta considerou de “gran importancia” deste tipo de talleres e asegurou que hai un “gran compromiso” por parte da Xunta co fomento do emprego e o ofrecemento de ferramentas “útiles” que axuden á formación. “Estes investimentos teñen un gran impacto na vida das persoas. Non só porque poden aprender un oficio ou mellorar as habilidades que xa teñen, senón porque as poñemos directamente en contacto co mundo laboral e sabemos que moitas veces iso é o máis difícil”, engadiu.

Deja un comentario