Friday 10 de January de 2025

As Bibliotecas da Xunta festexan o Día das persoas usuarias con visitas comentadas, contacontos, concertos e premios aos lectores máis activos


A efeméride celébrase mañá, 11 de xaneiro, pero moitas delas inician hoxe a programación que se completará durante a xornada do sábado

 

A Xunta de Galicia conmemora mañá, sábado, día 11, o Día das persoas usuarias das bibliotecas. Para este festexo contan cunha variada programación, que nalgúns casos botará a andar hoxe mesmo, co obxecto de achegar estes servizos á cidadanía, a través de visitas comentadas ás súas instalacións, contacontos, concertos e recoñecementos ás lectoras e lectores máis activos durante o ano pasado.

Deste xeito, a Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, ten prevista mañá, sábado, unha visita guiada ás 12,00 horas para dar a coñecer as súas instalacións e coleccións e amosará os espazos de acceso restrinxido, onde se custodian a maior parte dos seus fondos. Poderase participar previa reserva no enderezo electrónico bibliotecadegalicia@xunta.gal. Ademais, os usuarios e usuarias que se acheguen recibirán un paquete de libros de agasallo.

Na mesma cidade, a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal ofrecerá o sábado o espectáculo familiar Ondamina, da compañía Mamá Cabra, con entrada libre e de balde ata completar capacidade. Súmaselle a esta programación o Préstamo a cegas, no que cada usuario escolle unha bolsa de agasallo, cuxo contido só se descubrirá ao abrila.

Pola súa banda, na Cidade da Coruña, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés entregará esta tarde, ás 18 horas, un recoñecemento aos seus súper lectores e lectoras. E para mañá, ás 12,00 horas, ten programada unha sesión de contacontos Os ratiños da caixa. Está dirixido aos máis pequenos e pequenas da casa. Será de entrada libre e ata completar capacidade. A

Actividades venres e sábado

En Lugo, a Biblioteca Pública adianta os festexos a esta mesma tarde. Deste xeito,  ás 18 horas, celebrarase o espectáculo familiar de narración oral con tinguiduras musicais, Contando números, cantando cores, a cargo de Pablo Díaz.

 

Ademais, a Biblioteca Pública de Ourense Nós ofrecerá dúas actividades o mesmo día da efeméride, o sábado, día 11. A programación dará comezo, ás 11,00 horas, cando se lle outorgue os respectivos agasallos aos lectores e lectoras que máis préstamos realizaron ao longo do pasado ano. A continuación, ás 11,30 horas, ofrecerase un encontro coas persoas voluntarias da biblioteca, a modo de recoñecemento do seu labor altruísta e colaboración sempre desinteresada.

En Pontevedra, a Biblioteca Pública Antonio Odriozola tamén comezará a celebración esta tarde, ás 18,00 horas, cun contacontos-concerto a cargo de Bea Campos, dirixido á cativada máis pequena da casa, xa que está recomendado para un público que non supere os 3 anos. A actividade é de balde, pero é precisa a inscrición previa no seu enderezo electrónico, biblio.publica.pontevedra@xunta.gal. Ao día seguinte, a celebración do Día das persoas usuarias continuará co nomeamento, nun acto ás 12,00 horas, dos socios e socias de honra.

Finalmente, a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel súmase a este festexo programando xa para hoxe dúas quendas de visitas guiadas, ás 12,00 e ás 18,00 horas. Completará a celebración unha sesión de contacontos, mañá, sábado, ás 12,00 horas. Esta sesión centrarase na adaptación de relatos de William Shakespeare para nenos e nenas de 4 anos en adiante. Esta actividade é de balde, pero é precisa a inscrición no seu enderezo electrónico, biblio.publica.vigo@xunta.gal.

Deja un comentario