Friday 10 de January de 2025

O goberno local presenta a súa proposa para destina os Fondos do POS+ Adicional 2025 


Esta cuestión, que foi sometida hoxe a ditame da Comisión Informativa, será elevada ao Pleno extraordinario que se celebrará o martes.

A Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno reuniuse hoxe para someter a ditame a proposta do Goberno local relativa á participación do Concello no POS+ Adicional 2025 para gastos sociais extraordinarios e o destino dos fondos.

Ao Concello da Laracha correspóndelle percibir un total de 103.032,94 a través dese programa da Deputación da Coruña que o executivo municipal pretende repartir entre tres apartados.
O máis amplo é o do financiamento do gasto corrente, que ascende a 88.464,55 euros. Isto permitiría ampliar a dotación do fondo de emerxencia social, cubrir parte da achega municipal ao servizo de axuda no fogar na modalidade de dependencia e dispoñer de fondos económicos para outras medidas de carácter extraordinario que o departamento de servizos sociais consideren imprescindibles e urxentes para atender ás persoas vulnerables ao longo do ano.
Os outros dous apartados serían dedicados a investimentos. A cantidade de 7.488,39 euros destinaríanse á adquisición de equipamentos informáticos que facilite e mellore a xestión do persoal municipal adscrito ao departamento de Servizos Sociais. E outros 7.080 euros terían por fin a adquisición de equipamento técnico asistencial (camas, cadeiras de rodas, grúas, etc) que se porían a disposición daquelas persoas que o precisen e non dispoñan dos recursos económicos para poder adquirilos.
Este asunto será elevado para a súa votación e, de ser o caso, aprobación, ao Pleno, que será convocado para o martes da semana que vén en sesión extraordinaria.

Deja un comentario