A xornada da continuidade ao traballo de recollida de opinións sobre o sector que se levou a cabo nos “foros de turismo” no pasado mes de novembro, onde participaron arredor de 50 entidades, entre as que houbo un amplo apoio á taxa turística.
A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, e a profesora da USC, María José Piñeira, presentaron as principais conclusións dos “foros de turismo”, que se celebraron no pasado mes de novembro, dentro do proceso participativo para recoller as opinións ao respecto do sector das entidades vinculadas, directa ou indirectamente, co sector turístico da cidade. Ademáis, presentaron tamén “Os desafíos do turismo sostible”, unha xornada científica na que se tratarán temas fundamentais para transformar o modelo turístico da cidade.
Estas accións enmárcanse no traballo para a constitución do Pacto Local polo Turismo Sostible, órgano de participación que substituirá ao Consello Municipal de Turismo co obxectivo de que sexa un órgano de participación moito máis representativo, estable, sostido no tempo e enfocado a avanzar no proceso de cambio do modelo turístico.
Segundo destacou Míriam Louzao, nos foros de turismo participaron 48 entidades representativas da cidade, unha cifra que indica a importancia do proceso participativo que se levou a cabo. Neste sentido, a concelleira apuntou que poden destacarse catro grandes conclusións a partires deste proceso de recollida e intercambio de opinións.
As achegas das entidades compoñen en conxunto unha visión ponderada e maioritariamente positiva do papel do turismo en Santiago na que se aprecian, importantes diferenzas entre os axentes do sector e as entidades cívicas. Fronte a uns beneficios xenericamente asociados á dinamización económica e a creación de emprego, hai tamén voces que identifican con maior nitidez un amplo repertorio de externalidades negativas encabezado pola presión sobre o espazo público, a vida cotiá e os servizos públicos.
A taxa turística goza dun amplo apoio entre as entidades. O máis salientable é que as entidades participantes manifestaron unha certa preocupación sobre a fórmula para a súa implantación. Ademais tamén destaca que, entre as finalidades deste imposto, priorizan a mellora dos servizos básicos, o coidado do patrimonio e a mobilidade sostible.
O grande desafío para as entidades participantes é a convivencia ou conciliación entre as actividades turísticas e a vida cotiá da cidadanía. Termos como “desconcentración”, “desestacionalización”, “diversificación” e “xestión de fluxos”, aparecen como as principais respostas á percepción, dominante, de que o casco histórico e as entradas do Camiño amosan síntomas de saturación.
E, por último, tamén se percibe claramente unha certa insatisfacción co grao de participación cidadá no deseño das políticas turísticas, especialmente entre os actores menos involucrados habitualmente. Reclámanse espazos e mecanismos estables para a participación, maior diversidade nas voces que se incorporan aos debates e decisións estratéxicas duradeiras, transparentes e fiscalizables.
Míriam Louzao lembrou tamén que nos foros de turismo procedeuse á elección dunha comisión de seguimento do Pacto Local por un Turismo Sostible, un grupo representativo para contrastar os avances e resultados do proceso, pero que non é un órgano de decisión nin debe confundirse co que no seu día se propoña para a gobernanza do Pacto Local polo Turismo Sostible de Santiago.
Os membros desta comisión de seguimento son: Concello de Santiago, Xunta de Galicia, Igrexa, Unión Hotelera Compostela, Asociación Hostelería Compostela, Aviturga, Asociación Galega de Guías (Agagui), Clúster de Turismo de Galicia, Pazo de Congresos e Exposicións, Asociación Veciñal Casco Histórico, Asociación Veciñal A Xuntanza, Universidade de Santiago, COGAMI, e Asociación Cultural Cidade Vella.
Pola súa banda, María José Piñeira describiu a importancia que ten “Os desafíos do turismo sostible”, xornada científica que se celebrará o martes 14 de xaneiro, no Paraninfo da Universidade, na Facultadde de Xeografía e Historia, de 09.00 a 15.00, e á que pode asistir calquera persoa interesada.
A xornada xirará en torno a catro grandes bloques, que integran precisamente algunhas das temáticas máis sinaladas polas múltiples entidades que participaron nos foros de turismo. Estes catro bloques son: vivenda, gobernanza, mobilidade e economía local.
Na xornada partiparán persoas de prestixio nos diferentes campos do conxunto da península, con representantes das universidades de Santiago, a Autònoma de Barcelona, a Politécnica de Madrid, a Complutense de Madrid, a de Málaga, a Carlos III, a Rey Juan Carlos e a de Porto.
Todas estas accións, tanto os foros de turismo como a xornada científica, desenvólvense no marco do Plan de Sostibilidade Turística, que leva a cabo o Cooncello de Santiago en colaboración coa Xunta de Galicia e co Ministerio de Industria e Turismo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.