Friday 10 de January de 2025

O centro iSlow de Laxe consolídase como referente no impulso ao emprendemento no rural galego


• O alcalde, Francisco Charlín, recibiu esta mañá ao conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e ao secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, no centro de traballo.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou hoxe o espazo coliving iSlow de Laxe. Durante a visita, na que tamén estivo presente o alcalde da localidade, Francisco Charlín, destacouse o papel estratéxico deste centro no marco do proxecto Fixar, unha iniciativa pioneira promovida pola Xunta para atraer nómades dixitais e impulsar proxectos emprendedores no rural galego.

O conselleiro resaltou que o modelo dos colivings como iSlow é unha ferramenta clave para atraer e reter talento na Galicia rural, creando novas oportunidades laborais e de vida nos pequenos municipios. “Estes espazos permiten aos emprendedores desenvolver proxectos de éxito que impactan positivamente nas contornas locais, fortalecendo o tecido social e económico das vilas”, subliñou José González.

A visita a iSlow marca o inicio dunha nova etapa no proxecto Fixar, que no primeiro trimestre de 2025 lanzará a súa segunda edición tras o éxito da experiencia piloto do pasado ano, na que participaron 60 emprendedores. Segundo o responsable de Emprego , esta nova fase incorporará novidades como a identificación de potenciais negocios necesarios no ámbito comarcal, fomentando sinerxías locais e conectándose coa Rede de Polos de Galicia, que conta con 15 oficinas activas.

O alcalde de Laxe, Francisco Charlín, destacou a importancia de iSlow na promoción do emprego e no fortalecemento do municipio como un lugar atractivo para emprender. “Espazos como iSlow poñen en valor o noso territorio e ofrecen unha oportunidade única para que persoas con ideas innovadoras poidan desenvolver os seus proxectos aquí, contribuíndo á revitalización social e económica da Costa da Morte”, afirmou o rexedor.

Deja un comentario