• A programación municipal incluíu máis dunha decena de actividades desde o pasado mes de decembro.
O Concello de Cariño puxo o punto e final á programación especial polo Nadal o pasado domingo, 5 de xaneiro, coa celebración da tradicional Cabalgata de Reyes, que pasou por distintas parroquias ata chegar á Casa do Concello. As súas Maxestades de Oriente fixeron o percorrido polas rúas cariñesas en compañía dun grupo de moteiros e moteiras baixo o ritmo das gaitas da banda San Xiaio do Trebo, na que foi unha das tardes máis máxicas do ano.
Desta maneira, púxose o broche á programación especial municipal para estas festas, que incluíu máis dunha decena de actividades desde o pasado mes de decembro. O teatro, o cinema, a arte, ou a maxia foron protagonistas nas últimas semanas, con espectáculos como ‘O País das Marabillas’ ou ‘Alquimia’, exposicións como ‘Do Mar e dá Terra’ e ‘Arte con Cariño’ e proxeccións de longametraxes como ‘O Nadal nas súas mans’ ou ‘+ Cuñados’.
A música tamén estivo moi ben representada nesta programación de Nadal, coa festa de Fin de Ano amenizada por Dj Miguel GZ, a II Edición de Cantos de Taberna ou o Festival Benéfico a favor de Aspromor, no que actuaron múltiples agrupacións.
A todo isto hai que sumarlle a celebración do Mercado de Nadal ou da II Feira de Artesanía, a visita do ‘foodtruck’ de Galicia Sabe Amar ou actividades para os máis pequenos da casa, como a visita de Papá Noel ao Concello ou o obradoiro no que se pintou un mural colectivo.
Outros aspectos para destacar foron a decoración e a iluminación do Nadal, que este ano adquiriron un maior protagonismo grazas á iniciativa colectiva impulsada pola Anpa A Basteira, que xunto a outras 15 entidades encargáronse da decoración en distintos puntos do municipio. O Concello de Cariño quere agradecer esta proposta á Anpa, así como a todas as asociacións que o fixeron posible, por contribuír co seu traballo a que o municipio tivese unhas festas aínda máis máxicas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.