O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, convidou a cidadanía a asistir á actuación, que será de acceso libre ata completar a capacidade prevista. O concerto arrincará ás 12.15 horas
O Teatro Colón abre as súas portas este domingo ao primeiro concerto da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) neste ano 2025. A banda, que reinicia así a súa programación do ciclo de inverno, actuará a partir das 12.15 horas, nunha sesión inspirada en grandes compositores do leste de Europa.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, precisou que “o programa inclúe obras orixinais de orquestra, un xénero que lle gusta ao público”. O concerto estará dividido en dúas partes, arrincará coa Abertura Festiva de Dmitri Shostakóvich, compositor e pianista soviético considerado como un dos músicos máis importantes do século XX.
Xa a continuación, as persoas asistentes poderán gozar da Sinfonía núm. 3 de Boris Kozhevnikov, peza intermedia da primeira parte do concerto, que a banda pechará novamente “cun apoteósico final coa Sinfonía núm. 5 de Shostakóvich”, expuxo Juan Miguel Romero Llopis, director titular da BMMC.
A segunda parte do concerto deste domingo comezará cun periplo poético-sinfónico á Finlandia do compositor Jean Sibelius, e rematará con outra viaxe ao ano 1812, na que outro compositor de prestixio, Chaikovsky, recupera un episodio histórico: a derrota das tropas de Napoleón na súa campaña de invasión en Rusia.
O concelleiro Gonzalo Castro convidou a cidadanía a asistir ao concerto deste domingo no Teatro Colón, que será de acceso libre ata completar a capacidade prevista. “O Goberno de Inés Rey inicia o ano amosando novamente a súa aposta por impulsar a Banda, un dos nosos emblemas culturais como cidade”. Castro lembrou que o concerto especial de Nadal da BMMC rexistrou un cheo total no Teatro Colón e “foi un éxito rotundo”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.