www.exustiza.gal albergará este ano a sede xudicial electrónica
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, vén de mellorar o deseño do portal de Xustiza, que este ano albergará a sede xudicial electrónica. O obxectivo é consolidar www.exustiza.gal como canle de comunicación na rede entre os cidadáns, os profesionais e a xustiza.
A nova versión do portal, que se incopora ao dominio puntogal, amplía a información de servizos cun apartado específico para a mediación familiar intraxudicial, un directorio de colexios profesionais, o censo xeral de letrados, o calendario de gardas e o servizo de verificación de documentos.
O cambio de deseño e estrutura dos contidos facilita e axiliza o acceso á información de interese para calquera persoa que teña que acudir ante os tribunais. O cidadán que acceda a exustiza.gal poderá coñecer de xeito sinxelo cales son os seus dereitos e deberes antes a xustiza, quen e como pode acollerse a asistencia xurídica gratuíta ou como funciona o servizo de atención á vítima e á cidadanía
Aqueles que teñan que participar nun procedemento xudicial atoparán unha explicación detallada de como funciona o xurado (requisitos, participación, retribucións e indemnizacións) e cales son os dereitos, obrigas e indemnizacións das testemuñas.
A web irá ampliando progresivamente os seus contidos, con máis información sobre os órganos da Administración de Xustiza en Galicia e con utilidades específicas para profesionais do sector.
Directorio de órganos xudiciais e formularios
eXustiza incorpora un completo directorio de órganos xudiciais, no que se poden atopar 323 edificios e 696 órganos xudiciais en Galicia: xulgados, rexistros civís, fiscalías, oficinas de atención ao cidadán e as vítimas e outros órganos e servizos localizados no mapa e con todos os datos de contacto.
A web inclúe ademais información sobre os servizos que ofrece a Administración de Xustiza, con explicación de como son os procedementos e formularios para a súa descarga. No caso do Rexistro civil pódese atopar a información e documentación relacionada con nacementos, defuncións, matrimonios, nacionalidade e outras certificacións. Tamén se atopa a información sobre a inscrición no rexistro de parellas de feito.
A web contén un apartado de preguntas frecuentes, para resolver dúbidas ligadas a calquera dos temas recollidos en eXustiza, e un apartado de actualidade con novas da Xunta de Galicia e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.