Friday 22 de November de 2024

A consellería de política social presenta o Programa Ágora Xove de creación de espazos para a participación da xuventude na vida social, económica e cultural de Galicia


Celebraranse un total de doce foros en distintos puntos da xeografía galega

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou na presentación do programa Ágora Xove, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, orientado á creación de espazos que faciliten a participación dos mozos e mozas galegos na vida social, económica e cultural de Galicia. Para elo, se celebrarán dez foros en distintos puntos da xeografía galega.

O programa, con catro obxectivos principais, busca o fomento do espírito emprendedor dos mozos e mozas e o apoio á posta en marcha de ideas innovadoras no ámbito social e profesional. Outro dos obxectivos é promover a participación e o diálogo creando espazos de encontro entre os rapaces e rapazas, a administración e a sociedade civil, para así intercambiar información e experiencias sobre temas de interese para os máis novos. Ademais, Ágora Xove promoverá actividades formativas e lúdicas de carácter transversal no ámbito da educación non formal, orientadas ao desenvolvemento da autonomía persoal dos mozos e mozas e buscará que estes sexan máis sensibles a nivel ambiental. “Queremos fomentar o espírito emprendedor da xuventude e amosar o noso apoio á posta en marcha de ideas innovadoras no ámbito social e profesional”, afirmou Rey Varela durante a presentación.

Para lograr estes obxectivos, Ágora Xove aplicará unha metodoloxía baseada na educación non formal e lecer educativo. En todas as actividades programadas a través dos foros, terán unha forte presenza estes contidos, de xeito que se fomente o desenvolvemento da autonomía persoal e do espírito emprendedor dos mozos e mozas. Cada foro estará deseñado en función das particularidades sociais, económicas e culturais observadas no ámbito territorial no que se desenvolve.

Ágora Xove conta cun total de doce foros que versarán sobre nove temáticas: Ágora Rural, no que se reflexionará sobre a situación actual do rural e se darán a coñecer experiencias novidosas; Ágora do Camiño, no que se darán cita os voluntarios xuvenís que participaron en proxectos do Camiño de Santiago para fomentar a participación doutros mozos e mozas; Ágora Equipo, unha actividade que se plantexa como unha dinámica de construción de equipo para facilitar unha experiencia de traballo cooperativo aos participantes; Ágora Cultura Urbana, con deportes de deslizamento, break dance, parkour e grafiti; Ágora Música, foro que facilitará un encontro de grupos musicais e mozos; Ágora Seguridade Vial, no que se reflexionará sobre a importancia de boas actitudes nas estradas para a prevención de accidentes; Ágora Comparte, que fomentará a participación da xuventude no ámbito do asociacionismo, Ágora Noite: youth nites, inspiradas nas exitosas Nerd Nites, pretende dar unha perspectiva da información xuvenil integradora co ocio saudable e o diálogo estruturado a través de ponencias curtas tipo TEDtalks; e por último, Ágora Mobilidade, onde se plantexa unha xornada de encontro entre os estudantes universitarios e os axentes implicados en programas de mobilidade e voluntariado.

Datas e lugares de celebración dos foros
O primeiro deles terá lugar o 4 de marzo en Vilalba. Os seguintes desenvolveranse o 15 de marzo en Santiago, o 2 de abril en Palas de Rei, o 7 de abril en Ourense e o 13 de abril en Vigo. En maio o foro trasladarase o día 7 á Estrada e o día 13 a Betanzos. Xa en xuño será a quenda de Bergondo o día 11, Marín o 17 e Vilanova de Arousa o día 18. As últimas citas co programa serán o 16 de xullo en Curtis e no mes de setembro en Ferrol.