Thursday 09 de January de 2025

O Concello organizará xornadas informativas sobre FP para o alumnado de ESO e Bacharelato


Esta iniciativa, que se celebrará no mes de febreiro, incluirá charlas sobre os estudos artísticos e de deseño

O Concello da Coruña, en colaboración os centros públicos de Formación Profesional da cidade e a EASD Pablo Picasso e a EASD Mestre Mateo, vai poñer en marcha unha nova edición das Xornadas de Orientación Artística e Profesional 2025 que, como o curso pasado, centraranse exclusivamente nos estudos de FP, nas ensinanzas artísticas profesionais e nos estudos superiores de deseño.
“O obxecto das xornadas promovidas polo Goberno de Inés Rey é darlles a coñecer aos estudantes de secundaria a oferta de Formación Profesional na Coruña e as novidades sobre os ciclos formativos para o próximo curso 2025/2026”, sinalou Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica. Os principais destinatarios serán o alumnado de bacharelato, dos últimos cursos da ESO e de FP de graos medio e básico.

As datas previstas para realizar as xornadas son os días 17, 18, 19 e 24 de febreiro. As xornadas organízanse a través de visitas guiadas ás instalacións de cada un dos ciclos de FP e das ensinanzas artísticas, complementadas con charlas informativas; unha presentación dos estudos superiores de que se poden cursar en Galicia; unha visita á EASD Pablo Picasso; e unha charla sobre a FP Básica, no Forum Metropolitano, dos ciclos que se imparten en catro centros públicos de FP da cidade: CIFP Paseo das Pontes, CIFP Someso, IES Fernando Wirtz, IES Rosalía Mera e IES Urbano Lugrís.
O prazo de inscrición do alumnado estará aberto do 20 de xaneiro ao 7 de febreiro (ás 14.00 horas), para centros da cidade e do 27 de xaneiro ao 7 de febreiro, para centros de outros municipios. Pódese consultar toda a información, así como os folletos e carteis, na páxina web da Concellaría de Educación.

Os días previos ás xornadas publicarase a guía ‘Ti elixes 2025’, elaborada polo Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), con información sobre estudos de FP, estudos universitarios e bolsas. Por outra banda, para completar a información ao alumnado de Secundaria e Bacharelato as sesións das mesas sobre estudos universitarios realizadas nas Xornadas de Orientación de 2023, que foron gravadas, pódense consultar na canle de YouTube da Concellaría de Educación. Por último, nunha data aínda por determinar, o Servizo Municipal de Educación convocará unha charla informativa sobre as novas Probas de Acceso á Universidade (PAU) 2025.
Máis información: Servizo Municipal de Educación. Teléfono 981 184 200, extensión: 10259.

Deja un comentario