Ademais do nomenclátor das rúas co que se recolle unha parte importante da toponimia de Oleiros, para seguir avanzando na súa conservación o Concello está a desenvolver durante os últimos anos un proxecto coas persoas maiores que participan nos obradoiros de memoria. Recollen topónimos esquecidos ou descoñecidos para construír unha memoria social máis ampla na que reforzar a identidade do concello.
A través da súa propia experiencia e coñecemento, pero tamén falando coas súas veciñas e veciños, xa son 86 os nomes recollidos con toda a información: localización xeográfica, historia e imaxes. Ademais, dedícase especificamente a rexistrar todos os nomes recollidos para incluílos na aplicación da Real academia galega , “A Galicia nomeada”.
Con estas actividades de envellecemento activo as persoas maiores actúan de dinamizadoras do patrimonio da comunidade, transmitindo e compartindo coñecementos imprescindibles para conformar a identidade colectiva e a memoria territorial. A toponimia forma parte dos elementos culturais que a Unesco denomina patrimonio inmaterial dos pobos. O carácter permanente dos topónimos equipáraos a monumentos históricos que se manteñen en pé a través dos séculos e que funcionan como referentes compartidos da comunidade, como sinais da identidade colectiva.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.