Friday 10 de January de 2025

Ribeira instala paneis solares para avanzar no aforro enerxético e no compromiso ambiental


O Concello de Ribeira informa de que xa remataron as obras de instalación de paneis fotovoltaicos en diversos equipamentos públicos do municipio, unha actuación que representa un paso máis no compromiso do Concello coa sustentabilidade e o aforro enerxético.

Estas intervencións, supuxeron un investimento de 263.226€ euros, financiados grazas a unha combinación de fondos municipais e axudas provenientes de programas europeos. Os paneis instalados permitirán reducir de forma significativa o consumo eléctrico das instalacións públicas, contribuíndo así á redución das emisións de CO2 e fomentando o uso de enerxía limpa.
“Grazas a este investimento avanzamos na transición enerxética facendo que a enerxía que consomen as instalacións públicas non teña un impacto negativo no medio ambiente” declarou o alcalde, Luís Pérez Barral. “Con esta actuación reducimos o impacto ambiental e ademais optimizamos os recursos públicos grazas ao aforro que se derivará destes sistemas fotovoltaicos. Este é un exemplo de como as administracións públicas podemos liderar cambios positivos que beneficien á cidadanía e ao medio ambiente” asegurou.

O alcalde quixo destacar a importancia de continuar promovendo iniciativas sustentables no futuro. “Seguiremos apostando por proxectos innovadores como estes en espazos como o mercado municipal, casa consistorial entre outros puntos e para iso estamos traballando en conseguir fondos doutras administracións que permitan avanzar no desenvolvemento sustentable e acadar aforros económicos”.
A posta en marcha destas instalacións fotovoltaicas forma parte dunha estratexia máis ampla que busca facer de Ribeira un concello máis sustentable e reducir a dependencia de fontes tradicionais de enerxía, xerando un aforro económico.

Así pois o auditorio ten unha potencia instalada de 277.128 W mentres que os paneis poderán achegar unha potencia de 79.200 W (28.58% do consumo total). Na Fieiteira a potencia instalada é de 277.120 W e os paneis poderán achegar unha potencia de 99.900 W (36.06% do consumo total). Por último na UCA a potencia da instalación é de 69.280 W, mentres que os paneis poderán producir 10.800 W (15,59% do consumo total).

Deja un comentario