Os alcaldes de Carballo e Coristanco, Evencio Ferrero e Juan García, participaron hoxe nun encontro co alumnado das tres accións formativas para persoas desempregadas que están en marcha nestes momentos no Fórum Carballo, entre elas o Obradoiro Lubiáns, un obradoiro dual de emprego conxunto no que participan 15 alumnos e alumnas dos dous concellos.
O Obradoiro Lubiáns, do que forman parte 8 mulleres e 7 homes, é un proxecto subvencionado pola Consellería de Emprego con 308.946 euros e que permitirá formar na especialidade de carpintaría de madeira a 15 persoas desempregadas dos concellos Carballo e Coristanco. A parte práctica do proxecto consiste na fabricación e renovación de mobiliario para edificios públicos dos dous concellos: no de Carballo, os centros sociais de Bértoa, Entrecruces, Verdillo e Artes, e no de Coristanco, os centros sociais de Cereo, Erbecedo e Oca, así como o exterior do Museo da Pataca de Santa María de Traba e do complexo deportivo e escolar Xosé Pichel.
A duración dos obradoiros duais de emprego está establecida en nove meses, ao longo dos cales as persoas participantes terán un contrato de traballo de formación en alternacia, polo que percibirán o salario correspondente.
Ademais desta experiencia conxunta, o Concello de Carballo tamén promove outros dous cursos de formación para persoas desempregadas nas especialidades de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e cociña. Aínda que levan pouco tempo de preparación, as futuras e os futuros cociñeiros xa agasallaron aos seus compañeiros e compañeiras das outras accións formativas e ás autoridades cun almorzo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.