Wednesday 08 de January de 2025

O Concello de San Sadurniño entrega as cestas da campaña “Polo Nadal, consumo local”


O salón de plenos do Concello foi o lugar elixido este ano para entregar os premios da campaña de dinamización do comercio “Polo Nadal, consumo local”, organizado polo Concello coa colaboración de 31 pequenos negocios de San Sadurniño. O sorteo efectuouse o pasado venres e del saíron os nomes das nove persoas agraciadas, seis delas con lotes de produto valorados en 70€ e as outras tres con elaborados galegos e de proximidade cun valor de 140€. Malia que inicialmente se rifaron esas nove cestas, o Concello sorteou esta mañá unha a maiores entre a clientela dun dos establecementos participantes, xa que as súas papeletas quedaran sen recoller (e polo tanto non entraron no sorteo do venres) debido a un erro involuntario.

Na entrega dos lotes de produto participaron a concelleira de Cultura, Ara Bellas, e o concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, quen felicitou ás persoas premiadas e agradeceu a implicación do tecido comercial local nunha iniciativa que este ano entregou arredor de 20.000 papeletas, unhas 5.000 máis que na edición de 2023, na súa maioría por compras superiores a 10 euros.

“A campaña funcionou moi ben e polo que falei con algúns establecementos, eles quedaron tan contentos coma nós por ter entregado tantas rifas, sinal de que a xente aposta polos negocios locais”, apunta Varela.

Iso si, quen máis contentas quedaron foron as persoas premiadas coas nove cestas: Gelis Lago, Rosa López, Juan José Fernández, Francisco Calderón, José Pita e Francisco Javier López con cadanseu lote valorado en 70€ -resultado do sorteo de papeletas de menos de 10€- e, por outra banda, Lisardo López, Carlos Sedes e Rosa Tembrás con caixas máis cumpridas, de 140€ cada unha, sorteadas entre as papeletas por gasto superior a 10€.

A elas engádese o nome de Margarita Semedo, clienta da peluquería Ángeles, en Lamas. Debido a un erro involuntario, as papeletas entregadas por este negocio quedaron sen recoller e, polo tanto, non entraron na urna do sorteo celebrado o venres. “Para emendalo, este mediodía sorteamos unha cesta máis entre esas rifas. Nos próximos días entregarémoslle o seu premio á agraciada”, explica o concelleiro reiterando as escusas municipais pola incidencia.

Os lotes de produto entregados esta mañá -e o que se entregará á volta duns días- comparten a característica de estar todos cheos de produto galego, “boa parte del producido dentro do ámbito do Xeoparque do Cabo Ortegal e tamén do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla”. Mel, conservas de froita, horta e peixe, queixos e requeixo, chocolate, zume… “todo de grande sabor e calidade, todo de aquí para concienciarnos tamén do potencial que ten o noso sector primario”.

Deja un comentario