Neda reabre este mércores a súa biblioteca municipal. O centro recupera a actividade, tras dous meses pechado ao público por mor da posta a punto e cambio de mobiliario da sala de lectura de adultos. Unha intervención, que supuxo a actualización da imaxe das instalacións.
Coa volta ás aulas, este piar fundamental da Casa da Cultura recupera a actividade no seu horario habitual. E faino tras completarse unha renovación que, dado o deterioro das antigas librarías, resultaba indispensable para garantir a conservación dos fondos bibliográficos existentes, nada menos que 29.000 títulos.
A mellora, impulsada polo Concello, coa colaboración da Consellería de Cultura, permitiu dotar á biblioteca pública de 67 novas librarías, adquirir algunha mesa, e mercar material informático para facilitar, baixo demanda, aos usuarios do servizo as consultas. Ademais, aproveitando o baleirado das dependencias, a administración local precedeu a pintar os interiores que, grazas á redistribución de espazos, locen máis diáfanos. O investimento roldou os 30.000 euros.
Completadas as tarefas de montaxe e, como non, a organización e colocación dos exemplares, recupéranse os servizos tanto de préstamo a domicilio como de consulta en sala (o horario de apertura é de luns a xoves, de 9 a 13 e de 16 a 20 horas, e os venres, de 9 a 13 h).
Segundo un informe da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, a de Neda é a cuarta con máis préstamos bibliotecarios por cada 1.000 habitantes de Galicia, só por detrás das de Ortigueira, Beariz e Oleiros. Un dato que constata o bo funcionamento do centro, que destaca ademais polo volume de obras en relación á poboación local (ocupa a posición 12 do ranking galego).
A biblioteca, inaugurada en 1982, constitúe unha das pezas fundamentais da oferta de lecer da Casa da Cultura de Neda, un inmoble no que están a piques de comezar novas obras de mellora. Desta volta, intervirase na cuberta e nas carpinterías exteriores do auditorio.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.