Wednesday 08 de January de 2025

O Concello súmase á celebración do 75º cabodano de Castelao e prepara múltiples actividades arredor da súa figura durante 2025


Hoxe, 7 de xaneiro, fanse os 75 anos da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no seu exilio de Bos Aires. Médico, pintor, debuxante, escritor, político… Castelao é á vez símbolo e referente dunha Galicia que puido ser e non foi, truncada polo golpe de Estado do 36, onde o seu pensamento segue vivo, aínda que non suficientemente visibilizado.

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hai escasos días declarar 2025 como Ano Castelao, dedicándolle a través da Consellaría de Cultura unha programación que, previsiblemente, estará máis enfocada na dimensión creativa do rianxeiro que na súa relevancia como figura clave do Galeguismo, obviando que o Castelao escritor, artista e activista “son un todo indisoluble”, tal e como comenta o alcalde de San Sadurniño, Secundino García.

“Castelao non só foi un artista e escritor, senón tamén un símbolo eterno da loita pola liberdade, a autodeterminación e a dignidade de Galicia. O seu legado político segue vixente e segue inspirándonos na defensa dos dereitos e da cultura galega. Neste momento fai falla reivindicar, quizais máis que nunca, a súa figura e o seu pensamento, posto que todo apunta a que a Xunta fará o posible por ofrecernos durante este ano unha visión parcial, sesgada e intencionadamente descontextualizada na que seguramente se obvien ou se traten moi por enriba partes fundamentais da súa vida e obra, como as motivacións do seu exilio, as denuncias que el fixo dos crimes fascistas ou o seu verdadeiro posicionamento político”, di o rexedor.

Neste sentido, o Concello de San Sadurniño tamén se sumará á celebración do 75º aniversario da morte de Castelao cunha serie de actividades que se programarán ao longo dos próximos meses, “tentando implicar ao tecido asociativo e a comunidade escolar”. Como primeiro acto simbólico, o alcalde asinou esta mañá o seguinte bando:

O domingo 13 de outubro de 1935, Castelao e outros dirixentes nacionalistas cruzan as terras de San Sadurdiño para dar un mitin no campo da feira de Mera de Baixo, en Ortigueira. É o primeiro mitin de Castelao desde o seu regreso no desterro en Badaxoz. A ilusión no nacionalismo galego é enorme. Galiza está escribindo nese momento unha das páxinas máis luminosas da súa historia. A loita pola consecución do Estatuto de Autonomía chega ao cume o 28 de xuño de 1936, data na que o pobo galego aproba en referendo o primeiro estatuto galego da súa historia. Poucas semanas despois Castelao e outras personalidades galegas entregan nas Cortes, para a súa tramitación parlamentaria, o Estatuto recén aprobado en plebiscito. De non se producir o levantamento fascista do 36, toda aquela xeración de xente demócrata, galeguista, lúcida e honesta faría de Galiza, sen dúbida algunha, un país orgulloso da súa identidade, da súa lingua e da súa cultura, próspero e moderno, comprometido coa xustiza social e coa igualdade, unha nación no mundo.

Os fascistas non só asasinaron a milleiros de persoas inocentes, non só cubriron toda Galiza de sangue e de barbarie, senón que nos privaron de ter xa un primeiro goberno galego nos tempos da II República, e ademais presidido por un home da talla política, intelectual e humana de Castelao. Aquel home que estaba destinado a asumir a máxima responsabilidade política das novas institucións galegas e ser o construtor da nación galega desde o Pazo de Raxoi, tivo que vivir os días máis amargos da súa vida e morrer no exilio, non sen exercer en todo momento de principal guieiro do nacionalismo galego, de parlamentario, ministro do Goberno de Giral e Presidente do Consello de Galiza, que viña a ser como un goberno galego no exilio. E tamén, no exilio, en Buenos Aires, publícase en 1944 o Sempre en Galiza, a obra capital do pensamento político de Castelao, onde se reafirma nas súas ideas nacionalistas e na súa defensa dos dereitos que a Galiza lle corresponden como nación. Reler agora ese libro é unha das mellores homenaxes que lle podemos tributar a Castelao.

Tras a ditadura franquista semella que Castelao é de todos. O poeta Celso Emilio Ferreiro xa denunciou no seu momento esa apropiación indebida: “Olla, meu irmáu honrado, / o que acontez con Daniel: / os que o tiñan desterrado / agora falan ben del”.

Desde o Concello de San Sadurniño, a través deste bando, queremos convidar a toda a veciñanza a achegarse de novo, ou por primeira vez, a Castelao, ao conxunto da súa obra artística, literaria e política. É a única maneira de descubrilo en toda a súa dimensión humana, política e intelectual e de aprendermos a ser cada día máis galegos e máis galegas. O 75 aniversario da súa morte podémolo comezar a conmemorar collendo entre as mans, por exemplo, o Sempre en Galiza. A súa lectura estou seguro que abrirá aínda máis o noso corazón a Galiza e nos dará coraxe para combater calquera manipulación ou apropiación indebida que se faga da súa figura.

Deja un comentario