Wednesday 08 de January de 2025

‘Escándalo en Palacio’ regresa ao Teatro Colón con dúas sesións este venres 10 e sábado 11


As últimas entradas poden adquirirse en Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense

A obra teatral ‘Escándalo en Palacio’ regresa á cidade coa súa segunda xira tras o éxito do seu primeiro paso polo Teatro Colón. Esta comedia, con texto de Pedro Ruiz e protagonizada por Xoán C. Mejuto e Iria Ares, ofrecerá dúas funcións, o venres 10 e sábado 11 de xaneiro ás 20.30 horas. As últimas entradas están á venda a través de Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense. En caso de quedar localidades dispoñibles tamén estará aberta o propio día da función a venda no propio teatro.

Ata o día de hoxe o espectáculo teatral leva vendidas máis de 1.000 entradas para ambas as funcións. O texto é unha idea orixinal de Pedro Ruiz, adaptada para o teatro por Estudo Momento. Trátase dunha sátira política que indaga en temas de actualidade como a intelixencia artificial, as fake news, as redes sociais, o xornalismo ou telelixo.

Co regreso ao Teatro Colón de ‘Escándalo en Palacio’, o Concello comeza o ano ofrecendo unha programación cultural de alto nivel nos espazos municipais, permitíndolle á cidadanía gozar todas as semanas dunha variada oferta teatral e de espectáculos.

Xoán C. Mejuto interpreta a Bernard Mathieu, un presidente que destaca polas súas habilidades á hora de aferrarse ao poder. Iria Ares é Paola D´Angio, unha Primeira Dama que porá patas para arriba a todo un país. O escándalo salta definitivamente cando a televisión emite un vídeo íntimo entre Bernard e Paola, cando o presidente aínda estaba casado coa súa primeira muller.

Deja un comentario