A maxia e a ilusión invadiron esta tarde o pavillón da Fieiteira que acolleu todas as actividades festivas ao suspenderse a cabalgata polas rúas da vila por mor da alerta metereolóxica por tempo adverso.
Miles de persoas non quixeron perderse o evento e recibiron aos Reis Magos de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar.
O alcalde do municipio, Luís Pérez Barral, xunto cos concelleiros, dirixiuse aos nenos, nenas e familias nun discurso que marcou o inicio desta noite inesquecible.
“Esta é unha noite especial, única, unha noite chea de maxia!”, expresou o rexedor, destacando que os Reis Magos fixeron unha parada extraordinaria en Ribeira porque “escoitaron que aquí hai uns nenos e nenas moi, moi especiais”. Pérez Barral eloxiou a ilusión e o bo comportamento dos máis pequenos, pero tamén asegurou que non só a rapazada se portou ben e díxolle ás súas Maxestades que “Ribeira é un concello cheo de xente extraordinaria, traballadora e solidaria”.
O alcalde tamén quixo agradecer o cariño das familias que acompañaron aos Reis durante a súa visita polas parroquias do concello. No seu discurso, subliñou a importancia de soñar en grande e de valorar os pequenos xestos que fan destas datas un momento único: “O mellor regalo non é o que vén envolto no papel de cores, senón o voso sorriso, alegría e cariño que compartides coas persoas que vos queren”.
Concluíu desexando que a maxia e a ilusión permanezan sempre nos corazóns de todos os veciños e veciñas. Tras as palabras do alcalde, Melchor, Gaspar e Baltasar tomaron o protagonismo para repartir ledicia e agasallos entre os máis pequenos, convertendo esta noite nunha lembranza inesquecible para todos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.