Melchor, Gaspar e Baltasar non faltaron á súa visita á Pobra do Caramiñal na véspera de Reis como cada 5 de xaneiro. A mala previsión meteorolóxica pasou por auga os plans do percorrido polas parroquias e a tradicional cabalgata, pero non as ganas de ve-las súas maxestades do Oriente.
Tralo seu paso pola residencia para sauda-las persoas maiores, desprazáronse a un ateigado polideportivo municipal de Venecia; lugar que concentrou o total de actividades organizadas dende a Concellaría dos Servizos Municipais.
Barafunda Animación e Pablo Méndez Compañía exhibiron os seus espectáculos ante a expectación das crianzas congregadas. Zancudos, bolas do Nadal, aves do paraíso e anémonas fixeron acto de presenza no pavillón para, ao son da música tradicional de Trécola, facer entrada os tres Reis Magos ante a atenta mirada do público.
Activando a máquina do tempo, A Pobra viaxou a máis de 2.000 anos atrás ata Belén para asistir á ofrenda ao neno Xesús con ouro por ser Rei, incienso por ser Deus e mirra por ser home. Fixérono acompañados polo séquito real tras ser guiados pola estrela do Oriente.
E despois chegou o momento de dirixirse á cidadanía pobrense. O primeiro en toma-la palabra foi o alcalde, José Carlos Vidal, quen recibiu ás súas maxestades, trasladándolle desexos de solidariedade e paz.
Baltasar recoñeceu que “emociónanos ver os ollos cheos de ilusión de cada neno e nena, pero tamén a cara dos maiores. En cada un de vós recoñecemos aos cativos que fostes anos atrás. Vós non nos esquecedes, pero nós a vós tampouco. A maxia deste día durará ata que volvamos vernos no vindeiro ano, convertendo os vosos soños en realidade.”
Despois falou Gaspar: “agardamos que sintades a nosa maxia coa mesma forza que percibimos os vosos corazóns cheos de ledicia e ilusión. Nótase en cada cara, en cada mirada, e xa se sabe que os ollos son o espello da alma. Sodes afortunados e afortunadas de vivir nun lugar tan fermoso, si, pero o que o fai máis especial é a súa marabillosa xente.” E fixo repaso dalgunhas das peticións de agasallos.
Por último, Melchor fixo maxia con tres moedas: unha primeira de ouro, unha segunda de prata e unha terceira de bronce. Con elas fixo que tódolos presentes botasen un brinco e se abrazasen, enchendo de agarimo a instalación deportiva.
A festa continuou durante toda a tarde con música e animación, degustando roscón de Reis e zumes, mentres as súas maxestades recibían as cartas e últimas peticións dos nenos e nenas.
O acto pode verse no Facebook e Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.