Wednesday 08 de January de 2025

A Xunta visita máis dunha trintena de centros educativos con máis de 2.000 alumnos para fomentar o consumo responsable co gallo do Nadal  


A Escola Galega de Consumo —dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración— vén de impulsar obradoiros no marco do programa Infonadal en 13 centros da provincia da Coruña, 8 na de Pontevedra, 6 en Lugo e 5 en Ourense

Orientados a estudantes de infantil e primaria, o obxectivo é acadar futuros consumidores informados, conscientes e responsables a través da posta en valor tanto da etiquetaxe como dos mecanismos de control da seguridade de produtos

 

A Escola Galega de Consumo —dependente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, dentro da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración— vén de visitar un total de 32 centros educativos de infantil e primaria nos que estudan 2.027 alumnos e alumnas no marco do seu programa Infonadal. O obxectivo é iniciar a formación de futuros consumidores informados, conscientes e responsables a través da posta en valor da etiquetaxe e dos mecanismos de control da seguridade de produtos como os xoguetes.

 

En concreto, leváronse a cabo diversos obradoiros en 13 centros da provincia da Coruña, 8 na de Pontevedra, 6 en Lugo e 5 en Ourense. Debido a que no período de Nadal aumenta o nivel de consumo con motivo das celebracións propias destas datas e da compra de agasallos, buscábase así convidar á reflexión para fomentar entre a rapazada un consumo responsable.

 

Estas accións encádranse no labor de impulso, apoio e asesoramento que leva a cabo a Escola Galega de Consumo a través de actividades de educación e formación como cursos, obradoiros, conferencias, publicacións e estudos. Nese senso, cómpre destacar que este organismo forma unhas 20.000 persoas de todas as idades cada ano, con preto de 700 actuacións.

 

Para formular calquera cuestión de interese no ámbito da concienciación sobre o consumo responsable pódese contactar coa Escola Galega de Consumo nos seus teléfonos (881 999 075 e 881 999 091) ou a través do correo electrónico: igc.escuela@xunta.es.

Deja un comentario