Wednesday 15 de January de 2025

Paderne desfruta, un ano máis, da chegada anticipada dos Reis Magos


 As Súas Maxestades de Oriente alcanzaron a localidade pola mañá e coincidindo, percorreron en coche as parroquias do municipio para saudar á rapazada

 Pola tarde, o pasarrúas real fusionouse no Telleiro coa festa infantil

 “Estamos a conseguir que Paderne adquira cada vez máis vida social e cultural con eventos como este”, destacou o alcalde, Sergio Platas

Paderne desfrutou, un ano máis, dos Reis Magos de xeito anticipado. Ao igual que sucedera o ano pasado, o executivo local logrou convencer ás Súas Maxestades de Oriente para que se achegaran á localidade padernesa un día antes do habitual no resto de municipios da contorna. E a visita de Melchor, Gaspar e Baltasar volveu ser todo un éxito, con decenas de familias gozando do pasarrúas real e a festa infantil.
Pola mañá, os monarcas e os seus paxes foron recibidos na Casa Consistorial polo equipo de goberno e algúns traballadores e traballadoras municipais. Foi o paso previo á partida da cabalgata real. Os Reis Magos partiron en coches para iniciar unha ruta con orde Paderne Aldea, Obre, Quintas, Adragonte, Vigo, Vilamourel, Velouzás, Souto e Viñas.
Tras percorrer todas as parroquias saudando aos pequenos e pequenas da localidade, os Reis Magos tiveron un pequeno descanso antes de iniciar a quenda de tarde. Así, preto das 17:30 horas, a comitiva real puido saír preto das 17:30 horas da Casa Consistorial acompañada da batucada para crear un pasarrúas que chegou á próxima Praza do Telleiro, tras saudar ás persoas que agardaban nas beirarrúas.
Unha vez na carpa, o alcalde, Sergio Platas, quixo ter unhas verbas de agarimo tanto para os Reis Magos como para as decenas de familias que se achegaron ao evento.
“Despois da boa experiencia do ano pasado adiantando a Cabalgata ao día 4, este ano repetimos. E de novo con éxito. Poder contar cos Reis Magos un día antes do habitual é un privilexio, así que queremos agradecer ás Súas Maxestades o esforzo por vir a Paderne nestas horas nas que están tan atarefados”, apuntou o alcalde. “Con iniciativas como estas buscamos que Paderne adquira cada vez máis vida social e cultural. Cada vez máis identidade e comunidade. E penso que, pola vosa resposta, o estamos a conseguir”, recalcou Platas.
O alcalde tamén tivo un aparte para falar da educación dos cativos e das cativas. Platas recoñeceu o interese do seu equipo de goberno por fomentar a escolarización infantil no municipio: “En Paderne contamos con casas niño gratuítas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, pero tamén con escolas infantís que pretendemos seguir potenciando para que continúen sendo unha referencia educativa. Escolas unitarias e gratuítas, con servizos de transporte e Madrugadores, pero tamén cos recursos docentes máis modernos para acadar un gran nivel educativo”.
Tras as palabras de Platas, comezou a recepción dos Reis Magos aos cativos, que aproveitaron para contarlles os seus derradeiros desexos de cara á noite do día 5. Foi momento tamén para a festa infantil con música e obradoiros, pero tamén para a entrega de premios do concurso de adornos de Nadal no que participou a cativada. Todos e todas tiveron premio. Tamén os maiores que os acompañaron, que puideron desfrutar do roscón de reis nunha tarde no que a maxia volveu a ser protagonista.

Deja un comentario