O acto celebrouse na Real Colexiata de San Isidoro de León e asistiron diferentes autoridades autonómicas e alcaldes dos municipios polos que transcorre a Ruta Xacobea
O xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez, participou no acto de clausura da Asemblea da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago que tivo lugar na Real Colexiata de San Isidoro de León.
A Asemblea contou coa participación de diferentes autoridades autonómicas, como a conselleira de Turismo da Junta de Castilla-León ou o seu director xeral de Patrimonio e comisario do Camiño, ademais de medio cento de alcaldes de municipios que forman parte de esta asociación ou que teñen solicitada a súa adhesión.
A Asociación de Municipios do Camiño de Santiago ten como obxectivos principais tres aspectos concretos: a atención ao peregrino, o coidado do Camiño e o apoio aos municipios que forman parte da Ruta Xacobea. Así, as actuacións deste colectivo xacobeo oriéntanse a unificar e coordinar criterios de actuación e a traballar de forma solidaria para protexer e dinamizar o Camiño, desenvolver proxectos e optimizar recursos.
O proxecto naceu en novembro de 2013 promovido pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Jaca, coa firma nesa cidade dun protocolo de adhesión dos concellos de Santiago de Compostela, Logroño, Burgos, Astorga e Jaca.
Desde entón, foron uníndose un gran número de municipios do Camiño ata aglutinar na actualidade un total de 24: Canfranc, Jaca, Santa Cilia, Sangüesa, Puenta la Reina-Gares, Estella-Lizarra, Logroño, Navarrete, Nájera, Santo Domingo de la Calzada, Burgos, Castrojeriz, Frómista, Carrión de los Condes, Sahagún, León, Hospital de Órbigo, Astorga, Ponferrada, Paradela, Palas de Rei, Melide, Portomarín e Santiago de Compostela. Do mesmo xeito, outras cidades xa mostraron o seu interese por incorporarse a esta iniciativa.