Monday 06 de January de 2025

A Xunta autoriza 114 prazas para novos profesores axudantes doutores en todas as ramas de coñecemento das tres universidades públicas galegas


Por áreas, 52 prazas son para Ciencias Sociais e Xurídicas, 25 para Enxeñaría e Arquitectura, 19 para Ciencias da Saúde, 9 para Artes e Humanidade e 9 para Ciencias

Un total de 49 destes primeiros contratos son para a Universidade da Coruña, 42 para a de Santiago de Compostela e 42 para a de Vigo

A Xunta de Galicia vén de autorizar ás universidades públicas galegas prazas para novos 114 profesores axudantes doutores, en todas as ramas de coñecemento das tres universidades públicas galegas. Esta incorporación de persoal enmárcase no Programa María Goyri de incorporación de talento docente e investigador ás universidades públicas españolas, a través do que Galicia prevé a contratación de 166 docentes nas universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña. Para iso, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destinará máis de 16M€ ata 2030.

O obxectivo deste programa é reducir a temporalidade do profesorado universitario, ámbito no que as universidades de Santiago, Vigo e A Coruña xa están moi avanzadas a nivel estatal, cuns dos cadros de persoal máis estabilizados de España grazas á boa política laboral interna desenvolvida nos últimos anos.

Convocatorias ata o 27/28

Por ramas de coñecemento, as 114 prazas distribúense do seguinte xeito:

Rama de coñecemento Prazas
Ciencias Sociais e Xurídicas 52
Enxeñaría e Arquitectura 25
Ciencias da Saúde 19
Artes e Humanidades 9
Ciencias 9

No caso da Universidade da Coruña, autorízase a contratación de 30 profesores axudantes doutores. As 19 prazas restantes previstas no programa María Goyri poderán convocalas ata o fin do curso académico 2027/28.

No caso da Universidade de Santiago de Compostela, acaba de autorizarse a contratación de 32 profesores axudantes doutores, cuxos concursos xa foron resoltos ao longo de 2024. Ademais dáse luz verde para que a USC convoque outras 10 prazas este ano. As 11 restantes ata completar o total de 53 contratos previstos para esta universidade ao abeiro deste programa de talento docente e investigador poderá convocalas ata o fin do curso 2027/28.

Finalmente, na Universidade de Vigo autorízase a contratación de 39 profesores axudantes doutores e a convocatoria doutras tres prazas; mentres que as restantes 22 poderán tamén sacalas a concurso ata o remate do devandito ano académico.

Deja un comentario