A Xunta impulsa desde hai dez cursos esta iniciativa baseada na observación do traballo na aula que permite as docentes coñecer outras realidades e replicalas
Favorécese o traballo en equipo do profesorado con intereses compartidos e mesmo se abre a porta á colaboración con centros doutras CCAA ou países
Un total de 36 centros educativos galegos intercambiarán boas prácticas docentes ao abeiro da fase autonómica do programa Observa_Acción da Xunta, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP que fomenta a aprendizaxe conxunta entre o profesorado a través do intercambio de experiencias e a observación entre iguais.
O programa, moi valorado polo profesorado, configúrase como un modelo de formación baseado na observación tanto a nivel interno dos propios centros como en colaboración con outros de dentro e de fóra de Galicia. Isto permite aprender novas estratexias de ensinanza, novos enfoques pedagóxicos e xestión da aula. Isto é, a través da súa participación no programa, os docentes coñecen e comparten outras realidades educativas que despois poden aplicar nos seus colexios e institutos.
Internacionalización
En concreto, o intercambio permite experimentar novas vías de formación do profesorado e favorecer a innovación educativa nos centros, ao tempo que se facilita aos docentes a posibilidade de observar de forma directa metodoloxías nos procesos de ensino-aprendizaxe, xeitos de relación e comunicación ou vías de xestión dos recursos propios e alleos que desenvolven outros centros e impúlsase o traballo en equipo.
Ademais, favorece a internacionalización na medida en que se abren as portas a proxectos transfronteirizos, tecendo redes de intercambio tanto entre docentes como entre equipos directivos de centros con proxectos comúns que propician o apoio mutuo e permanente.
Dúas fases do programa
O programa, enmarcado nas accións de formación do profesorado do Goberno galego, organízase nun itinerario de dous cursos escolares. Ao longo do primeiro curso, desenvólvese a fase autonómica, que vén de resolverse agora e que é obrigatoria para todos os centros participantes. Esta fase divídese á súa vez na etapa Comparte, de observación entre docentes do mesmo centro educativo, e a etapa Acolle, de observación entre centros da nosa comunidade.
No segundo curso desenvolverase a fase interautonómica ou Fase Internacional sendo voluntaria para os centros que a elixan. Na fase interautonómica, a observación realizarase entre equipos docentes con centros educativos doutras comunidades autónomas (Castela e León, Madrid, Estremadura, Aragón, A Rioxa, Murcia e Cantabria) e na fase internacional a observación consistirá na colaboración con centros educativos doutros países asociados (Escocia, Francia, Portugal, Italia, Finlandia, Estonia, Lituania e Alemaña, entre outros).
Os centros seleccionados para a fase autonómica son os reflectidos na seguinte táboa:
PROVINCIA DA CORUÑA | |
AMES | CEIP A Maía |
AMES | CEIP Agro do Muíño |
CAMBRE | CEIP Plurilingüe Graxal |
CAMBRE | CEIP Portofaro |
CERDIDO | CEIP da Barqueira |
CORISTANCO | CRA A Tarandeira |
CULLEREDO | CEIP Plurilingüe Vila de Rutis |
CULLEREDO | IES Eduardo Blanco Amor |
FERROL | IES Concepción Arenal |
MAÑON | CEIP Francisco López Estrada |
NARÓN | CEIP Plurilingüe Ponte de Xubia |
ORDES | CEIP Campomaior |
PADRÓN | CRA de Dodro Padrón |
POBRA DO CARAMIÑAL | EEI Fernández Varela |
PONTECESO | IES Eduardo Pondal |
PONTEDEUME | CEIP Plurilingüe de Andrade |
RIANXO | CRA de Rianxo |
SANTIAGO DE COMPOSTELA | CEIP Plurilingüe de Vite |
ZAS | IES Maximino Romero de Lema |
PROVINCIA DE LUGO | |
ANTAS DE ULLA | CEIP Plurilingüe Antas de Ulla |
BALEIRA | CEIP Plurilingüe Concepción López Rey |
GUITIRIZ | CEIP Plurilingüe Lagostelle |
NADELA | CEIP Plurilingüe de Nadela |
RIOTORTO | CEIP de Riotorto |
VILALBA | CEIP Terra Chá |
PROVINCIA DE OURENSE | |
RIÓS | CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira |
PROVINCIA DE PONTEVEDRA | |
A ESTRADA | CEIP Cabada Vázquez |
BAIONA | IES Primeiro de Marzo |
BUEU | CEIP Plurilingüe A Pedra |
FORCAREI | CEIP de Soutelo de Montes |
FORNELOS DE MONTES | CEIP Doutor Suárez |
MARÍN | CEIP Plurilingüe do Carballal |
SANXENXO | CEIP Plurilingüe Nantes |
SILLEDA | IES Plurilingüe Pintor Colmeiro |
VIGO | CIFP Manuel Antonio |
VIGO | EEI Rúa Hernán Cortés |
Un programa consolidado
Tras varios anos de funcionamento, o programa Observa_Acción consolídase con máis de 2.658 profesores e 399 centros participantes. A iniciativa implantouse por primeira vez, con carácter experimental, no curso 2016-17, con seis centros e 30 profesores. Instaurábase así unha nova vía de innovación educativa con intercambios entre docentes de distintos centros co fin de facilitar que observaran de forma directa metodoloxías, enfoques didácticos nos procesos de ensino-aprendizaxe, formas de relación e comunicación ou vías de xestión dos recursos propios e alleos que se desenvolven en colexios e institutos diferentes ao seu, fomentando a aplicación do aprendido despois nas súas aulas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.