Monday 06 de January de 2025

As obras para ampliar a biblioteca municipal da Sagrada Familia, que permitirán a creación dunha nova sala polivalente, arrincarán o vindeiro mércores 8


Para facilitar o desenvolvemento dos traballos e reforzar a seguridade das persoas usuarias durante a actuación, o Concello pechará temporalmente a sala infantil da biblioteca desde o propio mércores e ata novo aviso

Como medida provisional, habilitarase na sala de adultos un pequeno espazo lector para que as nenas e nenos poderán seguir usando o catálogo de libros para o público infantil mentres avanzan as obras de mellora

O Concello iniciará o vindeiro mércores 8 as obras de ampliación da biblioteca municipal da Sagrada Familia, unha intervención coa que o Goberno de Inés Rey busca adaptar as instalacións ás súas necesidades actuais, atendendo así as demandas da veciñanza do barrio e tamén dos distritos próximos.
A ampliación levarase a cabo aproveitando dous locais comerciais anexos ao acceso principal á biblioteca infantil, na rúa Antonio Pereira, onde actualmente hai diversos baixos baleiros e carentes de actividade, que se remodelarán para incrementar a superficie de uso da biblioteca, co obxectivo de crear unha nova sala polivalente no seu interior.
Neste sentido, para facilitar o desenvolvemento dos traballos e tamén por razóns de seguridade para coas persoas usuarias da instalación, será preciso pechar temporalmente a sala infantil da biblioteca, que estará inhabilitada desde o propio mércores 8 e ata novo aviso.
Entre tanto, o Concello habilitará na sala de adultos da biblioteca un pequeno espazo lector onde as nenas e nenos poderán seguir usando o catálogo de libros para o público infantil. Ademais, e tamén por mor das obras, a programación das ‘Merendas con contos’ que se desenvolve na Sagrada Familia pasará a realizarse temporalmente no Ágora, nas mesmas datas xa estipuladas, sen ningunha variación.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou a importancia desta intervención, á que o Concello destina un investimento de máis de 425.000 euros, “para actualizar e modernizar as instalacións do espazo pioneiro na historia da rede de Bibliotecas Municipais da Coruña”. Rey expuxo que, coa actuación prevista na Sagrada Familia, “a biblioteca terá máis superficie para a posta en marcha de novas actividades en materia formativa e participativa”.

Así será a nova sala polivalente da biblioteca

Os dous locais comerciais onde se habilitará a nova sala polivalente da biblioteca uniranse nun só espazo. Para conseguilo, o Concello acometerá a demolición de todos os tabiques e carpintarías existentes nos baixos, así como dos aseos existentes en cada un deles. Ademais, retiraranse todos os elementos que forman parte da fachada dos locais, mantendo soamente os seus elementos estruturais, con vistas á reforma posterior, para igualar a estética do espazo en sintonía coa da biblioteca.
O paso á futura sala polivalente, que será de vidro, habilitarase a través do cortaventos de acceso á biblioteca infantil.

Máis dun millón de euros en investimentos de mellora na Sagrada Familia

Inés Rey lembrou hoxe que ás melloras previstas na biblioteca tamén se sumarán, proximamente, as obras correspondentes á humanización do primeiro tramo da rúa Sagrada Familia, traballos xa adxudicados en decembro á UTE Jardinería Arce – Manuel Rivas Boquete.
Tal e como se informou desde o Concello semanas atrás, a actuación prevista comprende o treito entre as rúas Nosa Señora da Luz e San Xaime, onde se intervirá nunha superficie de máis de 1.600 metros cadrados, transformando a calzada e as beirarrúas nunha plataforma única e creando un tramo de prioridade peonil. Tamén se renovará a rede de saneamento, iluminación pública e pluviais, dotando a rúa dunhas infraestruturas renovadas tanto nas partes visibles coma nas soterradas.
A intervención, que desde a súa posta en marcha terá unha duración estimada de sete meses —que se dividirá en tres fases—, conta cun orzamento de 673.000 euros.

Desta forma, contabilizando o investimento previsto na biblioteca municipal e nas obras de humanización do primeiro treito da rúa Sagrada Familia, o Goberno de Inés Rey levará a cabo un investimento de máis dun millón de euros no barrio.

Deja un comentario