O obxectivo é dotar ao medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para que sexa un recurso turístico accesible para todos
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe en rolda de prensa unha nova liña de subvencións por un importe de preto de 1,5 millóns de euros para o fomento da accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos do medio rural galego.
A directora de Turismo de Galicia destacou que o turismo constitúe un sector fundamental no desenvolvemento de moitas zonas rurais xa que crea emprego e aumenta a súa atracción global.
Neste senso, Nava Castro sinalou que entre os principais obxectivos de Turismo de Galicia encóntrase o desenvolvemento do turismo na nosa comunidade de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sostibilidade e a potenciación do turismo e a valorización dos seus recursos como un factor de crecemento económico e un instrumento de reequilibrio territorial.
Segundo explicou, a través destas axudas dotarase ao medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para que sexa un recurso turístico accesible para todos. “Esta nova liña de axudas impulsará, así, a mellora da accesibilidade física e a sinalización de recursos turísticos do medio rural coma os espazos naturais, miradoiros e rotas de sendeirismo, praias marítimas e fluviais e Bens de Interese Cultural”, afirmou.
Deste xeito, grazas a estas axudas todos os concellos do medio rural galego poderán levar a cabo diversas accións destinada á mellora da accesibilidade ou a sinalización tales como a construción, ampliación ou mellora de aparcamentos para o acceso aos recursos turísticos, de pasarelas, ramplas e eliminación de barreiras arquitectónicas, ou de aseos adaptados para persoas con diversidade funcional ou nova sinalización en estradas, instalación de paneis interpretativos, tanto tradicionais, como aqueles que incorporen novas tecnoloxías; implantación de ferramentas tecnolóxicas como aplicacións para teléfonos intelixentes, códigos QR, tecnoloxía NFC ou audioguías; ou a colocación de postes e outros elementos consonte os criterios de homologación de sendeiros e os específicos dos centros BTT de Galicia.
A responsable de Turismo da Xunta destacou que no pasado ano, un total de 103 municipios de toda Galicia beneficiáronse desta liña de subvencións o que permitiu mellorar a accesibilidade e sinalización de recursos turísticos tan importantes como o miradoiro do Cortelliño, en Baiona, a ruta dos Muíños do Folón e do Picón do Rosal, as marxes da ribeira alta do Miño, en Lugo, ou as praias do Terrón e As Patiñas, en Vilanova de Arousa, entre outros.
A directora de Turismo de Galicia concluíu afirmando que “con estas iniciativas contribuímos a facer de Galicia un destino turístico accesible para todos e potenciar o medio rural continuando incrementando así as súas cifras de demanda”.
Criterios de valoración
En canto aos criterios de valoración, Nava Castro explicou que se priorizarán as axudas para a realización de obras complementarias que melloren a actuación de accesibilidade ou sinalización, tales como demolición e retirada de estruturas construídas que non harmonicen co recurso, acondicionamento de muros, fachadas e balaústre e outras similares que melloren a estética do recurso; as actuacións levadas a cabo en espazos xeográficos de relevancia turística; as intervencións postas en marcha por entidades locais que acrediten unha boa xestión; as iniciativas que se atopen no ámbito territorial de Administracións locais que promoven políticas urbanísticas destinadas a mellorar, conservar e recuperar a súa calidade paisaxística e medio ambiental; e as actuacións realizadas nos municipios declarados de Interese Turístico de Galicia.
Incremento da demanda
Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia referiuse tamén ao incremento da demanda rexistrada polo turismo rural da comunidade galega o pasado ano que superou nun 20,8% a súa cifra de viaxeiros aloxados e nun 16% o seu nivel de pernoitas do anterior ano 2014.
Neste senso, Nava Castro afirmou que “sen dubida estas cifras amosan que o medio rural constitúe na actualidade un gran atractivo turístico para a nosa comunidade e por isto temos que continuar traballando no seu impulso e potenciación”.