Monday 06 de January de 2025

O Concello de San Sadurniño sortea entre case 20.000 papeletas as cestas de “Polo Nadal, consumo local”


O salón de plenos do Concello acolleu este mediodía o sorteo dos lotes de produto da campaña de promoción do comercio e os servizos de San Sadurniño “Polo Nadal, consumo local”. Unha iniciativa que volveu ser todo un éxito de participación, con máis dunha trintena de establecementos implicados que, en conxunto, repartiron uns 200 talonarios de papeletas entre a súa clientela durante as últimas semanas. Os nove premios, consistentes en seis cestas valoradas en 70€ cada unha e outras tres cun valor unitario de 140€- comunicaránselle ás persoas agraciadas ao longo do día de hoxe e entregaranse o martes 7 ás 12:00h.

O concelleiro responsable da área de Desenvolvemento local, Manolo Varela, destacou a alta participación que concitou este ano a campaña tanto entre os establecementos, cun total de 31, como entre o público que fixo compra neles desde o 1 até o 31 de decembro, tal e como testemuña o alto número de papeletas depositadas na urna do sorteo. “Este ano entraron na rifa un total de 200 talonarios, 94 correspondentes a compras por un valor inferior a dez euros e 106 con papeletas por compras superiores a esa cantidade. Son cincuenta talonarios máis que na campaña do Nadal 2023 e, ademais, este ano por primeira vez repartíronse máis boletos de cor rosa, que eran os das compras de maior importe”.

Hoxe ás 12:00h, tal e como estaba previsto, extraéronse das urnas as seis papeletas premiadas con cadanseu lote de produto de proximidade valorado en 70€, ademais das outras tres rifas nominativas que levarán tres lotes cun valor unitario de 140€.

“Independentemente do seu valor, todas as cestas son de produto galego, comarcal e local, da máxima calidade, co que esta campaña de apoio ao comercio e os servizos de San Sadurniño tamén é unha maneira de apostar pola produción excepcional que temos máis preto, como é o caso das elaboracións que están saíndo da Fusquenlla e que tamén forman parte das cestas”, explica Varela, quen asistiu ao sorteo celebrado este mediodía canda a concelleira de Cultura, Araceli Bellas.

O Concello foi contactando nas últimas horas coas persoas agraciadas -nas papeletas había que deixar un nome e un teléfono-, citándoas para o acto de entrega dos agasallos que terá lugar o martes 7 ás 12:00h na Casa do Concello.

Será a última cita da programación do Nadal en San Sadurniño, tras completarse unha axenda que tamén ten anotada para a tarde deste sábado (Ximnasio do CPI, 17:00h) a festa de benvida aos Reis Magos de Oriente. “Pechamos unhas festas que foron moi intensas en canto a actividade e cunha boa resposta do público familiar”, resume Araceli Bellas. “Agora temos a mirada posta na Copa Príncipe de volei, que volve a San Sadurniño a próxima fin de semana, e, xa a mediados de febreiro, nas estreas do Chanfaina lab e nos preparativos do Entroido, que celebraremos seguramente o último día do mes. Un non parar, vaia”, avanza a concelleira.

Sorteo “No Nadal, consumo local”

3 Lotes de produtos valorados en 140€:

Lisardo López Galdo
Carlos Sedes González
Rosa Tembrás Hermida
6 Lotes de produtos valorados en 70€:

María Gelis Lago Sánchez
María Rosa López López
Juan José Fernández Piñón
Francisco Calderón Pérez
José Pita Luaces
Francisco Javier López Senra

Deja un comentario