O choque, que terá lugar o vindeiro domingo 12 de xaneiro, poderá seguirse no videomarcador central do Coliseum, nun evento aberto ao público xeral, con entrada de balde ata completar a capacidade prevista
O Concello abrirá o Coliseum para que os aficionados poidan ver en directo o partido entre o Leyma Básquet Coruña e o Leite Río Breogán o vindeiro domingo 12, data que na ambos os conxuntos medirán forzas en Lugo na décimo sexta xornada da Liga Endesa, máxima categoría do baloncesto nacional.
Neste sentido, o Pazo Provincial dos Deportes de Lugo, onde o Breogán disputa os seus partidos como local, ten unha capacidade para 5.310 espectadores. A masa que segue ao equipo lucense é de máis de 5.000 persoas socias, o que dificulta, en certa forma, a disposición de entradas para o público coruñés e, en consecuencia, o seu desprazamento para vivir o choque.
Por iso, e para que as e os siareiros do Leyma Básquet Coruña poidan seguir en directo o que será o primeiro derbi galego entre ambos os equipos na división de honra, o Concello abrirá o Coliseum o domingo 12, xornada na que se abrirán as portas do recinto municipal para facilitar o seguimento do partido no videomarcador central, no que se retransmitirá o sinal de televisión do partido.
O evento, que comezará ás 12.30 horas —con apertura de portas ás 12.00—, será aberto ao público xeral, con entrada de balde ata completarse a capacidade prevista no recinto.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, subliñou o compromiso do Goberno de Inés Rey co deporte coruñés e, neste caso concreto, co conxunto laranxa, “que conta co máximo apoio do Concello neste primeiro período na máxima categoría”. Castro puxo como exemplo os equipamentos dispostos polo Concello no Coliseum para adecuar este recinto multiusos municipal ás esixencias da liga ACB de baloncesto. Entre eles, o videomarcador, o novo parqué da superficie de xogo e o sistema de iluminación que se habilita durante os partidos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.