O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, presidiron hoxe a reunión da Comisión Mixta entre ambas institucións
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, presidiron hoxe a Comisión Mixta de Coordinación entre o Ministerio Fiscal e a Xunta de Galicia.
Entre outras cuestións, a reunión serviu para abordar a Nova Oficina Fiscal, un proceso que xa está na súa fase final e que ten no vindeiro 1 de marzo o prazo para a súa implantación definitiva. O obxectivo é o reforzo de medios humanos e técnicos para gañar unha maior axilidade, eficacia e operatividade nos traballos da Fiscalía.
Tamén en relación cos medios técnicos informouse do funcionamento das novas ferramentas de xestión e documentación postas a disposición da Fiscalía para a mellora tecnolóxica dos diferentes procedementos, entre elas Lexnet, Portafirmas, Visor Documental e Xestor Documental.
Finalmente, ambas administracións acordaron traballar no ámbito da cooperación institucional para lograr a execución da sentenza do caso Prestige, e fixeron unha análise da situación dos novos edificios xudiciais, especialmente o de Vigo, agora que avanza na súa ubicación no edificio do antigo Hospital Xeral.
Banco de familias Acolledoras
Outro dos asuntos tratados na reunión foi a posibilidade de activar un banco de familias acolledoras mediante unha campaña de difusión, así como deseñar novos programas de apoio con familia extensa. A este respecto, o conselleiro de Política Social, destacou a importancia que ten a colaboración fluída entre os estamentos administrativo e fiscal para dar unha resposta axeitada, rápida e coordinada a aqueles menores con medidas xudiciais ou en situación de desprotección que precisan de protección e atención terapéutica.
Rey Varela sinalou que para o Goberno galego “é unha prioridade realizar unha atención integral a toda a infancia e, de xeito particular, aos menores que sofren unha situación de desprotección ou conflito social”. Nesta liña, este ano a Xunta reforza a atención de persoas menores en situación de desprotección, en execución de medidas xudiciais ou de internamento destinando máis recursos a intervencións dirixidas a previr e protexer situacións de maltrato ou desprotección.
Asistentes á Comisión
Por parte da Fiscalía tamén participaron o Fiscal Xefe de Sala da Unidade de Apoio do Fiscal Xeral do Estado, José Luis Bueren; o Fiscal da Unidade de Apoio de Madrid, Germán Gutiérrez; o Fiscal Xefe de Ourense, Florentino Delgado Ayuso; o de Pontevedra, Juan Carlos Aladro; o de Lugo, Roberto Brezmes; e a Tenente Fiscal da Coruña, Consolación Panceira.
Por parte da Xunta, tamén estaba a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González; o director xeral de Xustiza, Juan José Martín; os subdirectores de Persoal e Medios da Administración de Xustiza, María Dolores Sáez e Rafael Juanatey; a xefa do Servizo de Coordinación Técnico-Administrativa da Dirección Xeral de Xustiza, Adelaida Vega; a directora da Amtega, Mar Pereira; e a directora da Área de Modernización das Administracións Públicas da Amtega, María José García Sexto.